As Bolsas Ourense Exterior financiarán estudos de mestrado a cinco estudantes estranxeiros

  • O prazo de solicitude está aberto ata o día 12 de xullo.

Ourense, 5 de xullo de 2017.- As Bolsas Ourense Exterior, financiadas pola Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo e o Consello Social da Universidade de Vigo, convócanse cada ano no marco das actuacións para o fomento da internacionalización do campus de Ourense. A presentación das bolsas tivo lugar esta mañá polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez.

O obxectivo das Bolsas Ourense Exterior é facilitar a mobilidade de cidadáns residentes no estranxeiro que queiran cursar estudos de primeiro curso de mestrado nos centros e escolas deste campus. As persoas beneficiarias terán de balde a matrícula e axudas para gastos de viaxe e aloxamento. O prazo para solicitar algunha das cinco bolsas que se outorgarán para o curso 2017/2018 xa está aberto ata o día 12 de xullo.

Rosendo Fernández lembrou que se beneficiaron destas bolsas, desde a súa posta en marcha no ano 2010, 48 estudantes, moitos deles de segunda ou terceira xeración de emigrantes galegos. Con elas, "estamos tendendo pontes cara o exterior" e "fomentando a internacionalización do noso campus", sinalou o vicepresidente do goberno provincial.

Pola súa parte, o vicerreitor do Campus de Ourense recalcou que no Campus de Ourense "se poden cursar estudos de mestrados de tódalas áreas de coñecemento, desde as humanidades ás enxeñarías".

Requisitos

As Bolsas Ourense Exterior están destinadas concretamente a residentes no estranxeiro que se matriculen no curso 2017/2018 en primeiro curso dos estudos conducentes a estudos oficiais de mestrado impartidos no campus de Ourense. Ademais, deben ter máis de 18 anos; estar en posesión dos requisitos académicos necesarios para acceder á titulación que se pretende cursar; formalizar a matrícula e pagar as taxas administrativas da matrícula e cumprir todos os requisitos específicos establecidos pola Universidade de Vigo para os programas de mestrado, entre outros aspectos. Esta bolsa é incompatible con calquera bolsa ou axuda para cursar os estudos de mestrado oficial. A súa contía abrangue unha axuda de gastos de viaxe de ata 600 euros, unha axuda de gastos de aloxamento de ata 2500 euros e a matrícula, eximindo de pagar os prezos públicos por servizos académicos correspondentes ao curso 2017/2018. O investimento total en cada beneficiario estímase nunha media de 4400 euros.

O proceso de selección das persoas beneficiarias levarao a cabo unha comisión. Esta comisión valorará as candidaturas tomando como base a media do expediente académico que dá acceso aos estudos de mestrado; o feito de ser emigrantes ou descendentes de emigrantes ourensáns, galegos ou españois; a memoria sobre a motivación de estudar no campus de Ourense e a aplicación futura dos coñecementos que adquirirá. Tamén se terá en conta a acreditación do coñecemento da lingua galega e no caso de que non se acredite o solicitante deberá presentar por escrito o seu compromiso de asistir a un curso de formación en lingua galega de, como mínimo, 15 horas entre os ofertados ao longo do curso académico por parte da Area de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo, sendo a matrícula nel de balde.

O prazo para solicitar estas bolsas está aberto ata o día 12 de xullo de 2017. Unha vez cuberto o impreso de solicitude, o documento presentarase xunto coa documentación necesaria no rexistro xeral ou rexistros auxiliares da Universidade de Vigo ou por calquera outro medio previsto na convocatoria