45 deportistas ourensáns reciben as bolsas da Deputación de Ourense

 

  • O recoñecemento a un técnico deportivo ourensán recaeu nesta edición no profesor de Educación Física da Universidade Laboral e máximo expoñente do Club "Ben Cho Shey" de Pereiro de Aguiar, Germán González.

Ourense, 23 de xuño de 2017.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o asesor de Deportes da Deputación, Bernardino González, entregaron esta tarde no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", as axudas a 45 deportistas cualificados correspondentes ao exercicio 2016.

A Deputación de Ourense con esta iniciativa pretende "premiar economicamente a estes deportistas ourensáns e recoñecer publicamente o esforzo e o traballo que realizan nestes deportes individuais en Ourense", asegurou Rosendo Fernández.

Ademais da entrega das bolsas, realizouse o xa tradicional recoñecemento público a un técnico deportivo ourensán que nesta ocasión recaeu no profesor de Educación Física da Universidade Laboral e máximo expoñente do Club "Ben Cho Shey" de Pereiro de Aguiar, Germán González Sánchez. Con este recoñecemento, o goberno provincial quere "poñer en valor o labor que realizan os técnicos e a influencia co seu traballo exerce sobre a mellora na formación e rendemento dos deportistas ourensáns", sinalou o vicepresidente do ente provincial.

As axudas concedidas, correspondentes ao exercicio 2016, organízanse en catro grupos segundo a categoría do deportista, quedando distribuídas da seguinte maneira: no primeiro grupo atópanse cinco axudas de 1.400 euros cada unha; no segundo grupo tamén están cinco deportistas, cunha axuda de 820 euros para cada un deles; no terceiro grupo inclúense oito axudas de importe 590 euros cada unha; e por último, no cuarto grupo están 27 deportistas cunha axuda económica de 340 euros para cada un deles. En total, a Deputación de Ourense destina 25.000 euros en 45 bolsas para deportistas ourensáns procedentes de preto de 20 disciplinas deportivas diferentes.