Cita para o sector do viño na primeira Semana Vitivinícola de Galicia

  • A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa que se desenvolverá do 5 ao 8 de xuño na cidade de Ourense.

Ourense, 31 de maio de 2017.- A primeira Semana Vitivinícola de Galicia, organizada pola Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), reunirá ao sector do viño desde o 5 ao 8 de xuño na cidade de Ourense, con actividades técnicas e outras de carácter divulgativo de interese para todo o público. A presentación desta iniciativa tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; e o director da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia, Juan M. Casares.

A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa vinculada ao sector vitivinícola que se apoia nunha sólida base científica, "adquirida a través de moitos anos e grazas ao esforzo continuado dos investigadores do viño que ven neste sector un atractivo obxecto de estudo e unha industria moi importante para os intereses de Galicia e para Ourense", dixo Rosendo Fernández, quen lembrou que das cinco denominacións de orixe galegas, catro son de Ourense, "de aí que o sector do viño sexa un dos eixos estratéxicos da economía ourensá".

Juan Casares explicou que un dos obxectivos da Evega "é seguir potenciando a cultura do viño en Ourense, a capital vitivinícola de Galicia". Este congreso é a "primeira actividade múltiple que se fai en Galicia e que combina actividades técnicas con outras de tipo práctico, como un taller para achegar ao público o mundo das catas". Así mesmo, o director da Evega dixo que este congreso "reunirá a 40 investigadores da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, ofrecerá 32 relatorios e participarán nel 24 entidades nacionais e internacionais". O alcalde de Ourense destacou a importancia deste evento que "reunirá a un gran número de profesionais procedentes de diferentes lugares do mundo da viticultura a nivel mundial".

A inauguración do evento será o día 5 de xuño, ás 19.30 horas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel". Ao día seguinte celebrarase, no mesmo lugar, o I Encontro de Viticultura Galicia-Norte de Portugal, no que se dará cita ata 40 investigadores de ambos territorios para intercambiar coñecementos técnicos e marcas as pautas de colaboración futuras. Este congreso, que é o primeiro a celebrar pola Evega cos grupos de investigación en viticultura de Galicia e o norte de Portugal, servirá para marcar a folla de ruta das actuacións conxuntas de cara a continuar modernizando a nosa vitivinicultura e perfilar as liñas mestras dos proxectos dos vindeiros anos. O prazo para inscribirse rematará o día previo á xornada.

O 7 de xuño será a quenda para unha mesa-faladoiro sobre o viño e a cultura galega na que se afondará en aspectos menos coñecidos sobre a vinculación deste sector coa historia da comunidade, desde o punto de vista histórico-arqueolóxico, gastronómico coma literario. A entrada será libre ata completar o aforo. Ao remate ofrecerase unha cata de viño comentada.

O xoves 8 de xuño celebrarase un taller que ten como obxectivo adestrar ao catador para que coñeza as substancias que se vai a encontrar nos viños e percibir esas sensación en doses cada vez máis pequenas. O taller impartirase no Liceo Recreo Ourensán, e require inscrición previa. Asemade, ese mesmo días desenvolveranse dúas actividades de entrada libre, cun máximo de 100 prazas, sobre novas tendencias de marketing e innovacións tecnolóxicas; comezará ás 11.00 horas en La Molinera, mentres que na xornada de tarde, celebrarase unha mesa-faladoiro sobre a viticultura heroica, celebrada na alta montaña e pendente, a partir das 19.30 horas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación. A xornada rematará cunha cata comentada dos viños heroicos.