Manuel Baltar destaca que o plan provincial de turismo cultural e creativo “aumentará a competitividade da nosa oferta turística”

  • O presidente da Deputación de Ourense participou no workshop de turismo natural e sostible que organiza o Grupo Colmeiro coa colaboración da institución provincial.

  • Os novos retos do turismo interior, marketing de turismo sustentable e o termalismo, centraron os temas de debate desta xornada, que analiza o ámbito turístico desde a perspectiva do benestar, a ciencia, a natureza e a saúde.

Ourense, 4 de maio de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, destacou hoxe, na inauguración do workshop sobre turismo natural e sostible, organizado polo Grupo Colmeiro, que se desenvolve no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", que o Plan provincial de turismo cultural e creativo que impulsa a Deputación "aumentará a competitividade da nosa oferta turística", subliñando que a provincia de Ourense "será a primeira de España en contar cun plan destas características, que permitirá desenvolver un modelo turístico cultural que dinamice social, cultural e economicamente a provincia de Ourense".

Xunto a Luis Caramés, economista e coordinador do Grupo "Colmeiro" de análise e debate, Manuel Baltar participou na apertura desta xornada, que analiza o ámbito turístico desde a perspectiva do benestar, a ciencia, a natureza e a saúde, con relatorios sobre os novos retos do turismo interior, marketing de turismo sustentable e termalismo.

Baltar explicou que o Plan provincial de turismo cultural e creativo contempla incrementar a repercusión dos beneficios no ámbito local, "procurando un desenvolvemento turístico integrado coa actividade económica e respectuoso cos recursos naturais e culturais da provincia de Ourense". As liñas de actuación do plan inclúen potenciar a "marca Ourense" e as singularidades da provincia; crear e deseñar novos produtos de turismo cultural e creativo; captar novos segmentos turísticos; mellorar o desenvolvemento sostible; abrir novos mercados emisores; profesionalizar o sector e potenciar a cooperación empresarial e social.

Pola súa banda, Luis Caramés destacou a necesidade de "equilibrar o territorio tamén en materia de turismo, para incrementar as grandes oportunidades e singularidades que ofrece o interior".

O Grupo Colmeiro, organizador da xornada, conta con destacados especialistas en materias como demografía, emprego, enerxía, medio ambiente, turismo ou innovación, que enriquecen un espazo de debate desde o rigor e a pluralidade, e dirixe a súa atención a áreas como a organización territorial, os mercados e a competitividade, a modernización dos sectores produtivos e as políticas públicas.