Música, masterclass de guión e gastronomía, temas da segunda xornada da Ourense ICC Week 2017

  • O Multiusos de Cea acolleu, esta mañá, o debate sobre "O futuro da música na era dixital" despois dunha visita guiada ao Mosteiro de Oseira.

  • Pola tarde, a programación trasladarase ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel" coa masterclass a cargo de Javier Olivares e cunha mesa redonda que ten por título "O condimento perfecto: a creatividade".

Ourense, 3 de maio de 2017.- A segunda xornada da "Ourense ICC Week" centra a súa programación na música, a gastronomía e unha masterclass sobre guión no Multiusos de Cea e no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación. Pola mañá, ás 10.00 horas, os participantes realizaron unha visita guiada ao Mosteiro de Oseira para, posteriormente, desprazarse ata o Multiusos de Cea, onde tivo lugar o debate sobre "O futuro da música na era dixital", no que participaron a xornalista cultural Marta Gómez; a cofundadora da plataforma ¡Queremos entrar!, Almudena Palacios; o Brand Activation Director na multinacional M&C Saatchi, Daniel Sanchís; o músico e compositor, Miqui Puig; e a manager e presidenta de MMF Spain, Patricia Hermida.

No debate sobre industria musical Marta Gómez fixo fincapé no cambiante que é a industria musical afirmando "o ano pasado foi a primeira vez que en España as vendas dixitais superaron ás físicas". A partir de aquí, os participantes puxeron sobre a mesa a actualidade deste sector e os problemas que se atopan no seu día a día.

Pola súa parte, Patricia Hermida falou sobre a precariedade da industria e o "falso boom que nos están a intentar vender. O truco, hoxe en día, está en facer de todo, soamente así podes manterte". "No que a dixitalización atinxe, un dos problemas máis grandes que temos a este nivel é que cada país ten a súa propia lexislación", engadiu.

Tanto Patricia Hermida como Miqui Puig concordaron en que "nesta industria xérase moito diñeiro e o artista é o que menos recibe", sinalando a precariedade dos artistas no sector musical. Asemade, o músico e compositor afirmou que "a industria discográfica inventárona os países de fala anglosaxona". Nese mesmo senso, Daniel Sanchís dixo que "a industria en España non existe. Existen empresas que conseguiron sobrevivir que é o que aquí se puido facer. Temos que fixarnos noutras tendencias e plataformas para ter como referencia e saber a onde temos que chegar. O mundo dixital no que nacestes as novas xeracións permítevos todo o que queirades".

Almudena Palacios, pola súa parte, explicou o nacemento do proxecto do que é cofundadora, ¡Queremos entrar!, que xurdiu ante a imposibilidade de acudir a concertos polo motivo de ser menor. "O cambio pasa por facer unha norma e levala ante o poder lexislativo, e iso é o que fixemos. Sendo menor antes poderías entrar a outro tipo de espectáculos como o teatro ou o cine, pero non aos concertos".

Pola tarde, as actividades trasládanse á cidade, concretamente ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel", onde un dos creadores da serie "El Ministerio del Tiempo", Javier Olivares, ofrecerá unha masterclass sobre "O guión de ficción para Televisión". Ao remate, ás 19.00 horas, será a quenda para a gastronomía cunha mesa redonda sobre "O condimento perfecto: a creatividade" na que participarán o redactor de recetasderechupete.com, Alfonso López; o Chef, Pepe Solla; o chef, Javier Olleros; a redactora xefa de "El Comidista", Mónica Escudero; e os chefs dos restaurante "Nova" de Ourense, Julio Soutomayor e Daniel Guzmán.

O broche final a esta segunda xornada da Ourense ICC Week será o concerto de The Funkles, unha banda tributo que reinventa en cada concerto as cancións de The Beattles, e que ofrecerá un concerto nos xardíns do Padre Feijóo.

Programación

Mañá xoves, 4 de maio, pola mañá, as actividades retómanse no Castelo de Maceda onde a produtora Concha Fontenla ofrecerá un relatorio sobre "A produción no cine e a televisión", de 10.00 a 12.00 horas e continuará o director de cine, Oliver Laxe, quen falará da travesía da película "Mimosas" cómo se fixo, de 12.00 a 14.00 horas.

Pola tarde, as actividades continúan no edificio La Molinera desenvolverase relatorios sobre as tendencias na cultura dixital, na que participará, ás 16.00 horas, de Ouishare, Pako Rodríguez, quen falará da economía colaborativa; ás 17.30 horas será a quenda para o director do ESEI Campus de Ourense, Fran Rodríguez, o director do Outono Fotográfico, Xosé L. Vázquez e o director xeral VEGAP, Javier Gutiérrez, que debaterán sobre "A fotografía ante a economía do coñecemento". Por último, ás 19.30 horas, o director de contidos de El País Retina, Jaime García ofrecerá un relatorio sobre "Tendencias '17".

Por outra parte, o Polideportivo do Campus de Ourense acollerá, a partir das 18.00 horas, o comezo da ICC Technium Lan Party.