Ourense, protagonista "por innovación e singularidade", no III Encontro do Clúster de Turismo de Galicia

  • Manuel Baltar dixo na inauguración do acto, celebrado hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel": "Ourense é turismo, e como tal este sector é un eixe estratéxico de desenvolvemento da nosa provincia".

  • O evento, titulado "#Turismo 2020. Consolidando un destino turístico sostenible", reúne na capital ourensá a máis de 200 profesionais e serve como punto de encontro e formación para o sector en Galicia.

Ourense, 27 de abril de 2017.- A provincia de Ourense é protagonista "por innovación e singularidade" no III Encontro do Clúster de Turismo, un evento que se celebra hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", coa colaboración da Deputación de Ourense, e no que o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou: "Ourense é turismo, e como tal este sector é un eixe estratéxico de desenvolvemento da nosa provincia". No acto inaugural do encontro, que baixo o título de "#Turismo 2020. Consolidando un destino turístico sostenible" reúne na capital ourensá a máis de 200 profesionais, Baltar destacou as "potencialidades e realidades" que fan da provincia de Ourense "un dos territorios máis característicos da oferta turística de Galicia, por tradición, natureza, termalismo, historia, gastronomía e cultura", poñendo en valor aspectos tan singulares como a riqueza termal, o entroido, o astro-turismo, a "Ourense ICC Week", o Plan de Turismo cultural e creativo e o posicionamento internacional da "marca Ourense", "como algúns dos ámbitos e iniciativas que nos distinguen e diferencian".

O Clúster Turismo de Galicia celebra en Ourense a terceira edición deste encontro, que ten como obxectivo afondar nos retos de futuro e nas oportunidades do sector turístico galego no horizonte 2020. Nos relatorios analízanse cuestións como o impacto turístico e as fortalezas dos eventos deportivos e culturais; o desenvolvemento do turismo enogastronómico e termal, ou os avances tecnolóxicos que ofrecen novas oportunidades de xestión e modernización para os establecementos turísticos, ao tempo que supoñen novos retos de adaptación.

Xunto a Manuel Baltar o acto inaugural contou coa participación do presidente do Clúster Turismo de Galicia, Francisco González; da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e do director xeral de Turespaña, Manuel Butler.

Francisco González sinalou que esta xornada "consolídase como punto de encontro e reflexión anual para o conxunto do sector turístico galego" e agradeceu á Deputación de Ourense a súa colaboración para que este encontro se realice por primeira vez en Ourense, "unha provincia que está dando grandes pasos na mellora da competitividade e a internacionalización dos seus produtos turísticos, contribuíndo á modernización do conxunto do noso sector, facéndoo máis eficiente e competitivo como o motor económico estratéxico que é".

En canto a situación de Galicia no sector turístico, Nava Castro dixo que "Galicia representa o 11% do Produto Interior Bruto, e de cada 100 euros que veñen ás arcas autonómicas, 11 proceden do turismo". No apartado de empregabilidade, a directora de Turismo de Galicia destacou que de cada 100 traballadores, "12 son do sector turístico" e salientou a importancia "de continuar a traballar conxuntamente o sector público e privado".

Manuel Butler remarcou o papel que exerce Galicia no éxito do turismo español afirmando que durante a Semana Santa "a ocupación subiu nos establecementos turísticos galegos preto de 8 puntos" e no que se refire á "xeración de emprego en Galicia no primeiro trimestre, creceu un máis 1,5 %".

Fernando Puelles, responsable da área de Business Travel de Amadeus España, ofreceu dous relatorios sobre o perfil dos novos perfís de turista e, o vicepresidente de NBA Europe, África & Middle East, Jesús Bueno, afondou no binomio turismo-deporte. Ao longo da xornada desenvolveranse mesas redondas que analizarán os últimos avances tecnolóxicos no sector turístico, a enogastronomía, a economía colaborativa e a posición competitiva na que se atopa Galicia respecto doutros territorios de España.