Kennedy presentará en Ourense, no cumio de Partenalia, propostas de economía sostible para gobernos provinciais e empresas

  • O fundador da ONG Waterkeeper Alliance participará como experto en asuntos medioambientais internacionais no consello político extraordinario da organización de gobernos locais intermedios de Europa, que abordará en Ourense temas de sustentabilidade, medio ambiente e transparencia.

  • Manuel Baltar reuniuse hai semanas en Nova York con Robert Kennedy Jr. nun encontro preparatorio da segunda misión comercial USA-Ourense, que terá lugar en xullo próximo, cun marcado carácter medioambiental.

  • No cumio de Partenalia, que se celebrará entre os días 14 e 16 de maio, participarán tamén David Levine, presidente do Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC), que engloba a 250.000 empresas USA, e Juan Manuel Roa, presidente da Asociación de Transparencia Publica.

Ourense, 25 de abril de 2017.- Robert Kennedy Jr., xurista e fundador da ONG Waterkeeper Alliance, participará como experto en asuntos medioambientais internacionais no consello político extraordinario de "Partenalia", a organización de gobernos locais intermedios de Europa, que abordará en Ourense entre os días 14 e 16 de maio temas de sustentabilidade, medio ambiente e transparencia. Unha reunión de presidentes provinciais europeos que, en opinión de Manuel Baltar, titular da Deputación de Ourense, "será unha excelente ocasión para analizar as oportunidades que a economía sostible ofrece ás administracións públicas e ás empresas, dentro do importante papel que están chamadas a xogar nun mundo globalizado onde o respecto polo medio ambiente e xa determinante á hora de xestionar e desenvolver políticas e proxectos que acheguen competitividade aos territorios".

Precisamente, Manuel Baltar reuniuse hai semanas en Nova York con Robert Kennedy nun encontro preparatorio da segunda misión comercial USA-Ourense -que terá lugar en xullo próximo en Ourense, cun marcado carácter medioambiental-, encontro no que analizaron estratexias de economía sostible para aplicar a empresas e gobernos locais intermedios, como os que engloba a rede Partenalia, da que Baltar é vicepresidente. Manuel Baltar e Robert Kennedy coincidiron en destacar a importancia que a aplicación de plans de sustentabilidade ten na competitividade empresarial e na mellora dos servizos públicos, "iniciativas que poderemos desenvolver con maior practicidade en Europa con ferramentas como o Consello Europeo de Economía Sostible, que impulsaremos da man do Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC)", expresou Manuel Baltar.

No cumio de Partenalia en Ourense participarán tamén David Levine, presidente do Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC), que engloba a 250.000 empresas USA, e Juan Manuel Roa, presidente da Asociación de Transparencia Publica.

De feito, medio ambiente e transparencia serán os eixes centrais deste consello político de Partenalia, cuxos integrantes avogan por "un maior apoio ao desenvolvemento das zonas rurais, co fin de garantir un reparto territorial máis equitativo dos recursos da Unión Europea". Así o recolle o documento asinado hai semanas en Bruxelas polos presidentes dos gobernos locais intermedios que integran Partenalia, no que piden maiores avances na innovación da xestión pública, para "simplificar os procesos" e "impulsar a dixitalización dos trámites administrativos", co fin de reducir o peso da burocracia e facer máis doadas para o cidadán as súas xestións diante das administracións.

Xunto ás liñas de cooperación que se poderán establecer coa Waterkeeper Alliance, que preside Roberto Kennedy, o consello político de Partenalia afondará en Ourense nas estratexias de traballo en rede e coñecerá de primeira man, coa participación de David Levine, as oportunidades que se abren para as provincias de Europa coa posta en marcha do Consello Europeo de Economía Sostible -filial da organización americana que preside Levine-, cuxo obxectivo é "xerar coñecemento, boas prácticas e proxectos, para que a "xestión verde" ofreza resultados prácticos para os cidadáns e repercuta favorablemente nas economías dos territorios, das empresas e das persoas", afirma Manuel Baltar.