Foz de Iguazú, sede de Termatalia 2018

  • Manuel Baltar, o director de Expourense e a delegada da Xunta en Ourense deron a coñecer hoxe a cidade que acollerá o vindeiro ano a Feira internacional de turismo termal, un territorio situado no Estado de Paraná (Brasil), cuxo potencial está vencellado á auga por medio da central hidroeléctrica de Itaipú e das Cataratas do Iguazú.

  • O presidente da Deputación de Ourense salientou o feito de que Foz do Iguazú, potencia mundial en termalismo, "se interese por Ourense e por Termatalia", así como o acerto que supuxo desenvolver o Plan "Ourense, a provincia termal", "que coloca ao termalismo ourensán ao máximo nivel mundial".

Ourense, 24 de abril de 2017.- A edición de Termatalia 2018 xa ten sede. Será en Brasil, en concreto no Estado de Paraná, na cidade de Foz de Iguazú, cuxos principais recursos económicos están estreitamente vencelladas á auga. Aquí atópanse as famosas cataratas que lle dan nome á cidade, e tamén alberga a central hidroeléctrica máis grande do mundo, Itaipú Binacional.

O nome da candidatura elixida para Termatalia 2018 deuse a coñecer hoxe, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, acto no que participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o director xeral de Expourense e da Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, Alejandro Rubín; e a delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

Manuel Baltar felicitou a Foz de Iguazú por ter sido elixida sede de Termatalia 2018 e expresou que así llo transmitirá a Beto Richa, gobernador do Estado de Paraná. "Meus parabéns e o noso agradecemento porque é unha excelente candidatura e porque a Foz de Iguazú, referente en termalismo, lle interesa Ourense e o que a nosa provincia propón no ámbito termal". O presidente do goberno provincial destacou o acerto que supuxo desenvolver o Plan "Ourense, a provincia termal", "que coloca ao termalismo de Ourense ao máximo nivel mundial". E estar en Brasil, quinto país do mundo en número de habitantes e superficie e, en concreto, en Paraná, que tiven a ocasión de visitar en 2015 para falar de boas prácticas na gobernanza, será unha magnífica oportunidade para estreitar lazos entre Ourense e Galicia con este estado de Brasil".

"Termatalia reflicte que Ourense é un referente termal mundial", dixo Baltar, quen destacou a situación de Foz de Iguazú ao colindar con Arxentina e Paraguai, "o que lle outorga á edición de Termatalia 2018 unha transcendencia superior, que para a nosa provincia suporá seguir promovendo e difundindo o noso termalismo".

Alejandro Rubín explicou que foron sete as candidaturas presentadas para acoller Termatalia 2018, e que foi en Termatalia México 2016 onde quedaron finalistas Colombia e Brasil (Foz de Iguazú). Finalmente, tras analizar ambas candidaturas, o comité executivo de Expourense escolleu, na súa última reunión, a cidade de Foz de Iguazú para albergar a edición de 2018. Asemade, o director da Feira Internacional de Turismo Termal destacou a idoneidade deste destino como sede de Termatalia 2018, na que estarán presentes 40 países, "un lugar sostible por excelencia, cun grande valor para o negocio ao ser un destino no que conflúen tres países".

A delegada da Xunta en Ourense salientou a importancia de desenvolver este evento, "que vincula o potencial termal da provincia de Ourense e de Galicia co potencial termal de Iberoamérica", e engadiu que é unha forma "de amosar ao mundo a nosa riqueza patrimonial, cultural e de natureza".

A candidatura de Brasil como sede está liderada polo Fondo Iguazú de Desenvolvemento e Promoción Turística, e conta co apoio das principais entidades públicas e privadas vencelladas ao turismo nesta rexión para posicionala no ámbito internacional tamén como destino termal.

Termatalia 2018 celebrarase nas datas habituais da feira (finais de setembro, comezos de outubro) e suporá novas oportunidades para as empresas de España e Galicia, así como dos demais países participantes. Hai varias edicións que Brasil amosou o seu interese por converterse en sede de Termatalia, e xunto a outros países realizou a súa postulación oficial durante Termatalia México 2016.

Foz de Iguazú é o segundo destino elixido polos estranxeiros que visitan Brasil. Ten unha ubicación privilexiada, na triplo fronteira de Brasil con Arxentina e Paraguai (cos que comparte as famosas cataratas) e no centro xeográfico do Mercosur. O Destino Iguazú recibe máis de 5 millóns de turistas ao ano, entre os que se inclúen os que visitan as cataratas, a central hidroeléctrica e os que participan nos eventos organizados nel, xa que é tamén un destino MICE (Meetings, Incentives, Conferencing, Exhibitions). Pola posición estratéxica que ocupa, convértese nun destino accesible para América Latina e moi atractivo para o resto de países de outros continentes que queiran participar como expositores ou visitantes de Termatalia Brasil 2018.

A elección desta sede servirá tamén para reforzar a presenza de Brasil en Termatalia e para promocionar a través dela a Ourense e Galicia como destinos termais. España é o cuarto mercado receptor de turistas deste país, que supera os 200 millóns de habitantes. Segundo datos de Canadian Travel & Tourism, estímase que en 2018 a cifra de brasileiros que realicen viaxes ao exterior chegue aos 11,3 millóns. Por outro lado, España é o noveno país emisor de turistas a Brasil.