Queixumes dos Pinos estrea espectáculo, Ourense con sentimento

  • O evento musical terá lugar o vindeiro sábado, 8 de abril, no Teatro Principal da Deputación de Ourense.

Ourense, 6 de abril de 2017.- O grupo Queixumes dos Pinos estre un novo espectáculo Ourense con sentimento, o vindeiro sábado, 8 de abril, ás 20.30 horas, no Teatro Principal da Deputación de Ourense. A presentación deste evento musical tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; e o director do grupo Queixumes dos Pinos, Jose Antonio Viñas.

O vicepresidente da Deputación de Ourense explicou que despois de "tres anos sen presentar un novo espectáculo Queixumes dos Pinos estreará Ourense con sentimento, un espectáculo que mestura Folclore, música, danza, audiovisual e teatro e que ten como tema central da obra Ourense, das súas paisaxes, das súas xentes e costumes". Asemade, o espectáculo fai unha viaxe polas tradicións ourensás e por lugares tan emblemáticos como a "Ribeira Sacra coa presenza das figuras do afiador e do viño, un paseo polos magostos como festa central de Ourense, ofrece unha visión do Entroido, un paseo polo río Miño e as súas augas termais para finalizar ese percorrido coas festas patronais e as súas procesións", dixo Rosendo Fernández.

Pola súa parte, o deputado provincial de Cultura agradeceu o labor que realiza Queixumes dos Pinos por "transmitir a nosa cultura e poñela en valor, así como levar por bandeira a Ourense por todo o mundo".

O director do grupo, quen agradeceu o apoio da Deputación "desde hai máis de 20 anos apostando polo desenvolvemento cultural de Queixumes dos Pinos" e dixo que este espectáculo mestura "diferentes artes escénicas e innovamos sonoramente co fin de transmitir un espectáculo de sentimento de raíz pero dun modo máis moderno e cunha nova posta en escena".

"En resumo, Ourense con sentimento, son 90 minutos de espectáculo, 70 artistas en escena máis equipo técnico, 5 partes dedicadas ao viño, aos magostos, ao Entroido, ao termalismo e ás festas populares, con 5 vestiarios distintos, para transmitir ao público outro modo de ver o folclore e a Ourense", engadiu Jose Antonio Viñas.

As entradas para este espectáculo están dispoñibles nas taquillas do Teatro Principal e na páxina web ataquilla.com.