O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acollerá actividades da primeira edición de "Crea, xornadas de Arte e Deseño"

  • Esta iniciativa, organizada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde polo seu XXX aniversario, desenvolverase do día 3 ao 7 de abril en distintos espazos da cidade.

Ourense, 31 de marzo de 2017.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acollerá algúns traballos da primeira edición de "Crea, xornadas de Arte e Deseño" da Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde, que desenvolverá entre o día 3 de abril e o 7 de abril en distintos espazos da cidade. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar esta mañá no Salón de Actos do Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e do director e subdirector da Escola, César Taboada e Manuel González.

O asesor de Cultura da Deputación felicitou á Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde por levar a cabo "esta iniciativa cultural e pola traxectoria que están a demostrar diariamente en canto a unha ensinanza de primeiro nivel". Asemade, Aurelio Gómez Villar lembrou "a colaboración histórica" do goberno provincial con esta Escola e agradeceulles que "traian ao Centro Cultural unha mostra dos seus traballos así como outras actividades no marco da primeira edición de "Crea, xornadas de Arte e Deseño".

Con motivo do seu XXX aniversario, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde organiza esta iniciativa que cada un dos cinco días estará dedicado a unha das especialidades da súa oferta formativa: Ciclos de Grao Superior de Fotografía, Ilustración e Ebanistería Artística, así como Ensinanzas Superiores de Deseño Gráfico e Deseño de Interiores.

Participarán en palestras e coloquios profesionais de recoñecido prestixio de cada unha das especialidades, así como demostracións prácticas, exposicións de proxectos finais de carreira e outras actividades vencelladas ás disciplinas artísticas que se imparten na Escola.

Con esta iniciativa, a EASD Antonio Faílde pretende visibilizar, na cidade de Ourense, actividades que habitualmente se realizan ao longo do ano na sede da Escola e, achegar ao conxunto da cidadanía ourensana a oportunidade de coñecer a visión e os proxectos de figuras de primeiro nivel en diferentes campos da arte e do deseño. Así mesmo, a mostra de proxectos finais de carreira será unha excelente ocasión para constatar o enorme potencial creativo de varias das promocións de graduados da Escola.