Baltar destaca no Día Mundial da Auga "a obriga que temos de conservala, defendela e facer un bo uso dela"

  • O presidente da Deputación participou no acto celebrado hoxe no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", unha xornada para concienciar á sociedade da importancia da auga para a vida, na que participaron os alumnos do CEIP O Couto.

Ourense, 22 de marzo de 2017.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu esta mañá unha xornada organizada pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), dedicada a conmemorar o "Día Mundial da Auga". O obxectivo é concienciar á sociedade, desde os pequenos, da importancia da auga para a vida. "Todos temos a obriga de conservala, defendela e facer un bo uso dela", expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, na inauguración da xornada, afirmando que unha gota de auga "é flexible, poderosa e máis necesaria que nunca".

O acto, protagonizado polos máis dun centenar de nenos do CEIP O Couto, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva; do presidente da CHMS, Francisco Marín; da concelleira do Concello de Ourense, Ana Morenza; da delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz; e do subdelegado do Goberno, Roberto Castro.

Manuel Baltar destacou na apertura da xornada que Ourense celebra o "Día da Auga" "como provincia da auga e provincia termal", e destacou a importancia deste recurso "que conforma boa parte do noso organismo e que resulta vital". Por elo, o presidente da Deputación de Ourense dixo que a celebración desta xornada é "unha boa ocasión para lembrar a importancia da auga, sobre todo, concienciando aos máis novos da importancia de coidar os nosos recursos naturais, dos cales o máis importante é a auga".

"Desde a Deputación lembramos a importancia da auga todos os días, apoiando co noso labor aos concellos na xestión do ciclo da auga completo, e apostando por un eixe estratéxico e de desenvolvemento provincial como é o termalismo, que nos converte nun dos territorios con maior potencial termal de Europa", expresou o presidente do goberno provincial.

Santiago Villanueva destacou que é fundamental "a concienciación social para o bo uso do recurso e a importancia de contribuír con pequenos xestos diarios no respecto e mellora do medio ambiente".

Pola súa parte, o presidente da Confederación Hidrográfica, Francisco Marín, precisou que o obxectivo da CHMS "é incidir na concienciación dos máis pequenos en que a auga é un recurso limitado e o seu uso con responsabilidade redundará en beneficio de todos. As Institucións estamos obrigadas a fomentar os valores de respecto e racionalidade do recurso desde a escola, só así formaremos unha sociedade de futuro que fomente a importancia e necesidade de coidar os nosos canles fluviais", concluíu.

Implicación dos máis novos

Os escolares do CEIP O Couto participaron nas distintas actividades convocadas ao longo do mes de marzo, a través dos "Talleres da Auga", impartidos por técnicos do organismo de conca e expertos medioambientais, consistentes en charlas participativas, visita a unha estación de control situada na marxe esquerda do Miño, e actividades de recoñecemento do río Lonia, onde puideron recoller mostras de macro-invertebrados, flora e fauna, para a súa identificación, ademais de realizar unha análise de auga "in situ".

Por outra parte, un grupo de 20 nenos de 3º e 6º de primaria participaron nunha xornada de debate na televisión local, co presidente da CHMS; o vicerreitor da Universidade de Vigo e un biólogo, que, entre outros temas tiveron que responder acerca do ciclo da auga, a depuración, a potabilización, etc.

Como complemento a estas actividades, hoxe os máis pequenos recibiron a visita, no colexio, dos seus personaxes preferidos "Os Bolechas"; con eles visualizaron a guía "Os Bolechas coidan a Auga", a través da que se pretende mellorar os hábitos de uso do recurso. Tamén participaron en varios obradoiros de confección de chapas, debuxos e maquillaxe.

Os alumnos de 5º e 6º de primaria participaron, ademais, nun concurso de debuxo e redacción baixo o título "Olladas cara o Miño", a través do cal mostraron a súa creatividade e destreza coas súas creacións. Durante o acto procedeuse á entrega de premios aos mellores traballos e un premio especial para o colexio pola súa colaboración no conxunto de actividades conmemorativas do "Día Mundial da Auga" 2017. O primeiro premio foi para Miguel Díaz Álvarez, o segundo para Nuria Otero González e o terceiro foi para María González Coello.