Manuel Baltar e Robert Kennedy analizan estratexias de economía sostible para aplicar en gobernos provinciais e empresas de Europa

  • O presidente da Deputación de Ourense xestiona en Estados Unidos a segunda misión comercial USA-Ourense, que tería un marcado carácter medioambiental.

  • No encontro con Robert Kennedy -especialista en políticas internacionais de medio ambiente-, Baltar tratou temas de termalismo, xestión da auga e desenvolvemento sostible, cara á misión empresarial e ao encontro de gobernos locais intermedios europeos de "Partenalia".

  • Manuel Baltar tamén se reuniu con David Levine, presidente do Consello Americano de Negocio Sostible, acadando o compromiso de cooperación con esta entidade, para que o Consello Europeo de Economía Sostible, que terá a súa sé en Ourense, sexa filial deste organismo americano, que engloba a 250.000 empresas USA.

Ourense, 13 de marzo de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, iniciou hoxe en Nova York a primeira das tres xornadas de traballo que manterá coas autoridades e representantes institucionais e empresariais de Estados Unidos, de cara a preparar a segunda misión comercial USA-Ourense, que prevé ter un marcado carácter medioambiental.

Manuel Baltar reuniuse con Robert Kennedy, avogado especialista en asuntos medioambientais de ámbito internacional, con que analizou estratexias de economía sostible para aplicar a empresas e gobernos locais intermedios, como os que engloba a rede europea "Partenalia", da que Baltar é vicepresidente. Baltar e Kennedy coincidiron en destacar a importancia que a aplicación de estratexias sostibles ten na competitividade empresarial e na mellora dos servizos públicos "algo que poderemos implementar con maior practicidade en Europa con ferramentas como o Consello Europeo de Economía Sostible, que impulsaremos da man do Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC), unha entidade que conta coa experiencia de traballar con 250.000 empresas en Estados Unidos, e coa que compartiremos coñecemento, boas prácticas e proxectos, para que a "xestión verde" ofreza resultados prácticos e visibles para os cidadáns e repercuta favorablemente nas economías dos territorios, das empresas e das persoas", afirmou Manuel Baltar.

Robert Kennedy expresoulle ao presidente da Deputación de Ourense a importancia que, nun mundo globalizado, "ten descender á realidade local" "pois -dixo- a concienciación sobre a correcta xestión do medio ambiente nace do acerto nas decisións que se toman por igual en grandes ou pequenas empresas e en territorios pouco o moi poboados", e engadiu que a realidade europea, "con áreas de poboacións moi diseminadas pero cun alto nivel de progreso, require dunha xestión medioambiental innovadora e eficaz". "Pensar en clave de rendibilidade –afirma Robert Kennedy- é importante, pero se iso o facemos desde a previa concienciación e coa máxima eficiencia, sempre será máis doado economicamente".

Robert Kennedy confirmoulle a Manuel Baltar o seu interese por colaborar co Consello Europeo de Economía Sostible (ESBC), que terá a súa sé en Ourense, e destacou que desde a entidade que preside, a Waterkeeper Alliance (Alianza para a Protección da Auga) -integrada por máis de 300 grupos medioambientais internacionais-, cooperarán en ámbitos como o termalismo, a xestión dos recursos hídricos e o desenvolvemento sostible nas provincias de Europa. Segundo Kennedy a clave é: "Equilibrar economía e crecemento empresarial". "Para iso hai que tender sempre cara unha economía verde, fomentando o desenvolvemento económico con proxectos e políticas que partan do respecto escrupuloso ao medio ambiente", afirmou.

Robert F. Kennedy, sobriño do ex presidente dos Estados Unidos, John Fitzgerald Kennedy, e fillo do que fora fiscal xeral de EEUU, Bobby Kennedy, ten sido distinguido pola súa defensa do equilibrio entre os valores do crecemento empresarial e o desenvolvemento sostible. Director na Environmental Litigation Clinic, na Escola de Dereito da Universidade Pace, en Nova York, é presidente da Waterkeeper Alliance (Alianza para a Protección da Auga) e representante e voceiro nacional do Consello de Defensa dos Recursos Naturais.

Colaboración USA-Europa

Manuel Baltar tamén se entrevistou hoxe con David Levine, presidente do Consello Americano de Negocio Sostible (ASBC), para establecer as liñas de colaboración cara a avanzar na posta en marcha do ESBC, acordando que esta entidade europea medioambiental traballará como filial da americana, aplicando a experiencia das máis de 250.000 empresas que integran á American Sustainable Business Council "na procura dunha maior incidencia das políticas medioambientais para favorecer a realización de proxectos públicos, empresariais e sociais que avancen na cultura da sustentabilidade", afirmou Manuel Baltar.

A ASBC, que preside en Estados Unidos David Levine, fundouse en 2009 e traballa no deseño de programas que sensibilizan e informan á sociedade e aos responsables públicos dos beneficios dunha economía máis sustentable e de políticas e prácticas que contribúen a acadar este obxectivo. Levine cualificou de "grande acerto" que en Europa se aposte "por crear unha entidade homóloga que englobe a administracións e empresas en torno á idea de implicarse activamente a prol dunha "economía verde", con proxectos e campañas cidadás, e investigando novas maneiras de innovar nun ámbito do que todos saímos beneficiados, porque se trata da nosa saúde medioambiental".