"Atelier Armenteira", de Leopoldo Nóvoa, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel"

  • A mostra estará exposta ata o día 6 de abril, cun total de 19 obras entre pintura e arte gráfico.

Ourense, 23 de febreiro de 2017.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense estrea unha nova mostra nas súas instalacións: "Atelier Armenteira", de Leopoldo Nóvoa. A presentación desta exposición e do catálogo da mesma tivo lugar esta mañá no Centro Cultural, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a comisaria da mostra, Rosario Sarmiento; e o director do Centro Cultural, Francisco González.

Rosendo Fernández salientou o carácter plural do Centro Cultural "Marcos Valcárcel" como "canle de difusión cultural e lugar de encontro que hoxe, con motivo do quinto cabodano do pasamento de Leopoldo Nóvoa, trae a Ourense a súa obra". "Trátase dunha obra que animo a todo o mundo a visitar e que estará exposta ata o día 6 abril, dun autor que conta cunha longa traxectoria artística".

Pola súa parte, o director do Centro Cultural dixo que Leopoldo Nóvoa "aínda que non é un pintor moi coñecido, tiñamos moitas ganas de ter unha mostra súa nestas instalacións, feito que non puido suceder en vida polo que, hoxe, con motivo desta data, quixemos renderlle a homenaxe que se merece". Así mesmo, Francisco González destacou que o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación "cambia de rexistro pasando dunha mostra de "Pop Art" que achega a arte ao pobo, a unha exposición na que pesa o intelectual, a reflexión e a mensaxe interior".

A comisaria da mostra, que agradeceu a colaboración da viúva do autor, explicou que esta mostra "consta de 19 obras entre pintura e arte gráfico, creadas entre os anos 1993 e 2012, no seu atelier de Armenteira, de aí o nome da exposición". Foi precisamente neste atelier onde o artista empeza a traballar coa cinza, un elemento clave na súa obra despois de que no ano 1979, a data máis importante da súa traxectoria, o seu estudo de París foi arrasado polo lume e todo queda convertido en cinza. A partir de este momento, Leopoldo converte este elemento nunha constante na súa obra e é en Armenteira onde descubre as posibilidades do seu uso. Despois deste reencontro cos materiais, os límites entre pintura e escultura quedan moi diluídos na súa obra, explicou Rosario Sarmiento para quen a obra de Leopoldo Nóvoa se podería cualificar como "unha extensión da súa maneira de entender o mundo".

"Na década dos 90 a súa obra comeza a ser coñecida e recoñecida en Galicia, de feito, no ano 1993, a Xunta de Galicia concédelle a Medalla Castelao", engadiu a comisaria da mostra.