O Observatorio Económico Ourensán reflicte que as comarcas de Verín e Viana teñen 8 dos 53 concellos que xeran emprego

  • Manuel Baltar destacou a importancia "desta ferramenta de análise da economía provincial, que axuda ao coñecemento do noso territorio por comarcas e municipios, e que contribúe a planificar os obxectivos das políticas públicas que poñemos en marcha".

Ourense, 14 de febreiro de 2017.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou hoxe na Casa da Cultural de Verín na presentación do informe do Observatorio Económico Ourensán referido ás comarcas de Verín e Viana do Bolo, acompañado polo profesor da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, Andrés Mazaira, acto ao que asistiron representantes institucionais, empresariais e sociais destas comarcas. Baltar destacou a importancia "desta ferramenta de análise da economía provincial, que axuda ao coñecemento do noso territorio por comarcas e municipios, e que contribúe a planificar e fixar os obxectivos das políticas públicas que poñemos en marcha", entre as que citou os plans de natalidade e empregabilidade, as iniciativas de servizos sociais, o termalismo ou o medio ambiente "como exemplos de cooperación do goberno provincial cos concellos".

O novo formato do Observatorio permite a interacción de contidos e a actualización permanente de datos, que se poden consultar a través da web da Deputación de Ourense, en galego e inglés, con novas formas de visualización máis dinámicas, intuitivas e gráficas.

Nos datos referidos ás comarcas de Verín e Viana do Bolo o Observatorio reflicte que estas bisbarras aportan 8 dos 53 concellos que en 2016 foron xeradores de emprego, "unha rexeneración laboral que é un feito e que parece anticipar uns bos números no ano 2017", expresou Manuel Baltar . En concreto, a comarca de Verín pechou 2016 con 6.533 afiliados (o primeiro peche anual por encima da barreira das 6.500 afiliacións desde 2011). Tamén destaca que a rexeneración laboral tardou máis tempo en chegar á comarca de Verín que á gran maioría das áreas comarcais da provincia, pero a evolución rexistrada en 2016 anticipa unha aceleración do ritmo de recuperación ao longo de 2017.

A análise individual do concello de Verín axústase ao patrón comarcal, é dicir, con clara melloría en comparación cos anos precedentes, e con creación de emprego neto como resultado do exercicio de 2016, pero a máis baixa intensidade que a media da provincia de Ourense. O municipio de Verín impulsou un 0,7% de emprego neto en 2016, o que significa xustamente acadar a metade de velocidade que o conxunto da provincia. Todas as cabeceiras, agás Bande (-1,2%), foron xeradoras de emprego en 2016, e Verín compartiu con Xinzo de Limia o feito de quedar ás portas de conquistar o 1% de crecemento.

No caso da comarca de Viana o auxe interanual elevouse ao 3%, cifra que representa dobrar a actual media ourensá de recuperación do emprego. Ese rexistro foi o segundo máis forte da provincia, só superado polo 3,5% que asinou A Baixa Limia. A cabeceira de comarca, Viana do Bolo, fixou o rumbo comarcal cun avance do 3%, o máis alto das doce cabeceiras xunto co 3,1% que asinou O Carballiño.

O estudo por municipios está dentro dos parámetros habituais, con fortes diferenzas intramunicipais que chegan a superar os dez puntos nas porcentaxes. Así, na comarca de Verín cinco concellos foron xeradores de emprego en 2016, e tres non conseguiron recuperar afiliacións. Ademais de Verín, medrou o mercado laboral en Castrelo do Val (6,7%), Oímbra (4,2%), Cualedro (1,2%) e Monterrei (0,3%). E houbo baixada de afiliacións en Laza (-3%), Vilardevós (-2,1%) e Riós (-1,5%).

En Viana os contrastes laborais a nivel municipal movéronse entre un crecemento de emprego do 8,5% en Vilariño de Conso e un descenso do 3,2% na Mezquita, o único concellos con trazo negativo. Na Gudiña repuntou un 4,9% e en Viana do Bolo o citado 3%. A comarca de Verín ten unha contribución do 6,6% sobre o emprego total da provincia de Ourense, que coa achega de Viana sube ata o 8,4%. En comparación co peche anual máis castigado pola crise, o de 2013, o peso relativo non ten diferido practicamente nada. Daquela Verín aportaba o 6,7% e a suma das dúas comarcas o 8,5%, niveis parellos aos actuais.

Afiliados por conta de cotización

Nesta oitava edición do Observatorio Económico Ourensán a análise das afiliacións non se limita ao lugar de empadroamento do traballador. Para pulsar o comportamento dos mercados de traballo locais, estuda tamén as afiliacións segundo a conta de cotización do afiliado, é dicir, en función do lugar no que está situado o seu centro de traballo. E desde este enfoque, o Observatorio conclúe que os mercados laborais de Verín e de Viana mantiveron a mesma dimensión que tiñan hai un ano, segundo a comparativa entre o peche de 2016 e o de 2015.

Verín saldou o último exercicio cunha mínima redución de 89 afiliacións, que a penas representa o 1,5% de baixada. Este leve retroceso débese ao comportamento das zonas rurais, que en conxunto perderon 108 afiliacións, en contraste coas 18 que gañaron os centros de traballo situados no municipio de Verín.

O mellor comportamento deuse en Riós, cun crecemento do 3,2%. E no lado negativo salienta a excepcionalidade de Laza, que no último ano pasou de 240 a 159 afiliacións, o que equivale a unha perda do 33,7%.

Mentres, Viana baixou as afiliacións por conta de cotización nunha proporción similar á de Verín. Pechou 2016 cunha lixeira diminución do 1,7%, pero froito de ceder unicamente 24 afiliacións como saldo do exercicio. A Gudiña protagonizou un descenso do 9,4% e A Mezquita do 3,2%, fronte a subidas próximas ao 5% tanto en Viana como en Vilariño de Conso.

Paro rexistrado

En relación ao paro rexistrado, Verín conseguiu acortalo nun 8% ao peche de 2016, dous puntos por debaixo da media provincial do 10%, mentres que Viana despuntou cunha redución do 14%, unha das catro máis salientables no conxunto da provincia, xunto coas da Baixa Limia (20,2%), Terra de Trives (16,3%) e Carballiño (14,6%). Si tomamos como referencia xaneiro de 2016, a taxa de variación interanual de Verín queda fixada no -7,5% e a de Viana no -10,5%.

Catro municipios de Verín (Oímbra, Cualedro, Castrelo do Val e Riós) e tres de Viana -todos agás A Gudiña- anotaron baixadas do paro a dobre díxito. No municipio de Verín o descenso acumulado en 2016 foi do 4,8% e en Viana do Bolo achegouse ao 17%. Cabe destacar que cos últimos datos dispoñibles -xaneiro de 2016- 81 dos 92 concellos da provincia reducen paro en taxa interanual, e 52 deles fano ademais a un ritmo superior ao 10% anual.

A poboación destas dúas comarcas do oriente ourensán, que representa o 10,3% do total da provincia, ven acusando un descenso moderado nos últimos anos. A da comarca de Verín situábase nos 26.556 habitantes a 1 de xaneiro de 2016, co que experimentou un retroceso do 1,94% no último ano. Si estendemos a comparativa ata o ano 2000, o descenso poboacional é do 3,5%. Nesta comarca reside o 8,43% da poboación provincial. A pesares da baixada no número de residentes, a penas perdeu peso relativo no conxunto de Ourense: 0,1 puntos porcentuais en comparación co ano 2010 e 0,01 puntos fronte ao 2000.

Cunha idade media de 50,8 anos (a terceira máis baixa da provincia, despois de Ourense e Valdeorras), o grao de envellecemento queda reflectido polo feito de que a poboación de menos de 16 anos supón só unha terceira parte da poboación de máis de 65 anos (o índice de envellecemento está no 333).

A cabeceira, Verín, tiña 14.031 habitantes en xaneiro de 2016, cifra que representa o 52,8% da poboación total da comarca. Xunto con Oímbra é o único concello que amplía o seu peso relativo en termos da poboación total da comarca. En 2010 o municipio de Verín presentaba un censo de 14.633 habitantes, o 51,2% do total comarcal, e no 2000 sumaba 13.033 residentes, equivalente ao 44,2%.

Mentres, Viana acadaba no inicio de 2016 os 5.983 habitantes, experimentando un retroceso interanual do 2,8%. Fronte ao dato de 2007, a caída é do 27,2%. Nesta comarca reside o 1,9% da poboación ourensá. O seu peso en termos demográficos no conxunto da provincia ten diminuído en 0,16 puntos fronte ao que ostentaba no ano 2010 e en 0,48 puntos fronte ao do 2000. Cunha idade media de 53,7 anos, a taxa de envellecemento (relación entre a poboación de máis de 65 anos e a de menos de 16 anos) está en 554,40.