Presentación no Pazo Provincial de Ourencanto, o I Encontro de coros infantís, xuvenís e escolares

  • O evento, que conta co apoio da Deputación de Ourense, terá lugar os días 4 e 5 de febreiro no Auditorio Municipal da capital ourensá.

Ourense, 29 de decembro de 2016.- O Pazo Provincial acolleu hoxe a presentación de Ourencanto, a primeira edición do Encontro de coros infantís, xuvenís e escolares, que co-financia a Deputación de Ourense e que terá lugar os días 4 e 5 de febreiro no Auditorio Municipal da capital ourensá. No acto de presentación participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias, e o produtor e a organizadora do evento, Carlos Núñez Deza e Cristina Rodríguez.

"Para a Deputación de Ourense é un orgullo colaborar nesta iniciativa porque o canto é un elemento significativo dun pobo", dixo Rosendo Fernández, quen destacou o papel da cooperación entre administracións "para facer entre todos Ourensanía real".

Esta iniciativa pretende achegar o mundo coral a todos os mozos ourensáns de idades comprendidas entre os 8 e 18 anos que queiran participar. Trátase dunhas xornadas de convivencia que rematarán cun gran concerto a cargo de todos os participantes no Auditorio Municipal de Ourense, baixo a dirección artística do director e compositor Josu Elberdin.

"Unha vez inscritos enviaráselles as partituras que se van a traballar no Encontro aos responsables de cada Centro Escolar para que os nenos veñan coas cancións aprendidas, as cales se traballarán durante estas dúas xornadas. O evento clausurarase o día 5, cun concerto no Auditorio aberto ao público onde se mostrará o traballo feito durante eses dous días", explicou Cristina Rodríguez. O límite de prazas é de 350.

Neste concerto de clausura, ademais de participar os coros de nenos da provincia de Ourense, co fin de que estes encontros teñan repercusión fóra da provincia, haberá cada ano un coro invitado, nesta primeira edición será o coro da Xunqueira de Pontevedra.

"Na cidade de Ourense só temos dous coros infantís e un coro escolar, e cada ano o número de cantores diminúe. Hai moitos coros de maiores, polo que debemos fomentar a base, potenciar o canto na infancia, porque o canto é a alma dun pobo, e non podemos deixar que desapareza esta tradición", dixo a organizadora do evento, que engadiu, "animo a que profesores e rapaces participen nesta actividade pioneira en Galicia, porque o canto ten moitas vantaxes físicas e emocionais".

Nese mesmo senso, Carlos Núñez sinalou que "xa temos peticións de Lugo, A Coruña, Ferrol e Pontevedra, interesados en participar, pero que non poderemos atender porque isto está dirixido aos nenos de Ourense". Así mesmo, o produtor do evento destacou a importancia da formación na base, "a idea é que se nós conseguimos que os nenos aprendan a cantar, conseguiremos uns cidadáns cultos, sensibles e preparados para o futuro".

Pola súa parte, Belén Iglesias asegurou que Ourencanto é "unha actividade cultural máis que vén a sumarse á programación do Auditorio Municipal de Ourense ao longo de todo o ano e que resulta esencial para crear e educar aos máis pequenos". A concelleira de Cultura do Concello de Ourense salientou "o valor didáctico desta iniciativa que influirá no desenvolvemento cognitivo e emocional dos nenos".

Todos os profesores en centros docentes públicos de Galicia que participen na preparación do repertorio aos seus alumnos e acudan con eles a Ourencanto, recibirán un certificado de innovación educativa, outorgado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Para máis información pódese consultar a páxina web "ourencanto.org".