Cultura tradicional na XI edición do Festival Internacional Rebulir

  • A Deputación de Ourense coorganiza esta iniciativa cultural que desde hoxe ata o domingo, 18 de decembro, acollerá as súas actividades.

  • Ramirás, Celanova e Ourense serán os escenarios deste Festival que nesta ocasión outorgará o seu "Premio Homenaxe" á Banda Municipal de Música de Ramirás.

Ourense, 15 de decembro de 2016.- A undécima edición do Festival Internacional Rebulir que coorganiza a Deputación de Ourense, comeza hoxe a desenvolver a súa programación que se prolongará ata o domingo, 18 de decembro, con actividades musicais, artísticas e culturais, nos municipios de Ramirás, Celanova e Ourense, unha variada programación que se completa coa entrega do seu tradicional "Premio Homenaxe" á Banda Municipal de Música de Ramirás, para recoñecer a súa longa traxectoria levando o nome do municipio alá por onde esta agrupación ten pasado. A entrega do galardón terá lugar o vindeiro sábado, 17 de decembro, durante o desenvolvemento da "Gala Central" que se celebrará no Polideportivo do Picouto, presentada polo actor Diego Freire, e na que tamén se fará entrega dos Premios "Rebulir 2016" a Leilía, e Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán.

A presentación de Rebulir tivo lugar esta mañá na no Pazo Provincial, acto no que participou o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Silvia Dorado; a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez; o alcalde de Ramirás, Carlos Rodríguez; e o director artístico do FIR, Alexandre Sotelino.

Aurelio Gómez Villar felicitou á Asociación Cultural e Xuvenil Rebulir polo "traballo ben feito que desenvolven ano tras ano na organización do FIR", e destacou a importancia de "levar a cabo iniciativas deste tipo nos núcleos rurais para ampliar así a súa oferta cultural".

O director artístico do FIR agradeceu o apoio das institucións, así como dos colaboradores privados por "apostar e apoiar un ano máis a música étnica, a música de raíz", e engadiu, "nesta edición o Festival estase a converter nun referente non só en Galicia, senón tamén no Norte da Península, pois cada vez son máis numerosas as solicitudes para participar no FIR, debido a súa gran zona".

Asemade, Alexandre Sotelino explicou as novidades desta undécima edición como a "ampliación da programación un día máis para acadar máis núcleos culturais non só en Ramirás, senón que afecte a toda a provincia". En canto á programación, dixo que "nesta ocasión contamos cun máis obradoiros e un concerto que terá lugar mañá venres, en Ramirás, a cargo de Héctor Braga, que traerá a música desde a primeira xornada".

Os participantes encargados de amenizar as xornadas desta edición son: EBMT Rebulir de Ramirás, Lous Crabots de Semisens de Francia, Coros y Danzas el Miajón de Extremadura, Batuko Tabanka de Cabo Verde, AFM Villa y Condau de Noreña de Asturias, G.F. Casa do Povo da Cacia de Portugal, Mar de Arousa de Vilagarcía de Arousa. "Trátase de agrupacións de gran calidade artística que contan cunha longa traxectoria as súas costas", sinalou Alexandre Sotelino.

Pola súa parte, o alcalde de Ramirás dixo que o Festival Internacional Rebulir é "a xornada máis importante a nivel cultural que temos no municipio, e animamos a asociación a continuar con esta iniciativa porque xa botaron raíces en Ramirás".

Cecilia Vázquez explicou que Rebulir "aglutina nun soa iniciativa, tres dos eixos máis importantes das políticas de xuventude que impulsa a Xunta de Galicia como son: a participación xuvenil, a creatividade e a mobilidade. É un festival que ademais mostra o enorme talento que ten a xuventude, sobre todo de Ourense". Mentres que a secretaria territorial da Xunta de Galicia en Ourense destacou o labor que desenvolve a Asociación Rebulir a prol da cultura coa organización deste Festival.