100 anos de Cela e a súa obra percorren Ourense da man de Xosé Carlos Caneiro

  • Co apoio da Deputación, o autor de Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela iniciou hoxe no Liceo unha viaxe literaria para dar a coñecer os vencellos do autor de Iria Flavia coa provincia ourensá.

  • Manuel Baltar dixo na presentación que esta obra, "que divulgamos entre os estudantes ourensáns, lembra a figura dun dos grandes da literatura universal, Camilo José Cela, referente indubidable da ourensanía".

Ourense, 13 de decembro de 2016.- Un século de Cela espallado pola provincia de Ourense. Así se pode resumir o proxecto literario que están a impulsar a Deputación de Ourense e o escritor Xosé Carlos Caneiro, co obxectivo de dar a coñecer as relacións do autor de Mazurca para dos muertos coa provincia ourensá, agora que se cumpren 100 anos do nacemento do escritor de Iria Flavia. Tendo como base a obra que vén de editar a Deputación: Ourense, galeguidade e excelencia na obra de Camilo José Cela, seu autor, Xosé Carlos Caneiro, pretende levar a obra deste galego universal que foi Cela pola provincia de Ourense.

O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, dixo esta tarde no Liceo de Ourense, no acto de presentación do libro, que esta publicación "lembra a figura dun dos grandes da literatura universal e do que se cumpren 100 anos do seu nacemento, Camilo José Cela, un referente indubidable da ourensanía".

O libro, baseado na obra Mazurca para dos muertos, "é unha das obras máis importantes de Cela, a cal está ambientada en Ourense e emocionalmente escrita en clave de Ourense", destacou Manuel Baltar. "A homenaxe a un escritor faise lendo os seus libros, e iso é o que pretendemos divulgando esta publicación entre os centros de ensino secundario e a universidade, para que a xente nova coñeza a obra e a figura de Cela e o que representou para as letras mundiais", remarcou Baltar.

As conferencias continuarán a desenvolverse en diferentes puntos da xeografía ourensá, concretamente o 19 de decembro en Xinzo de Limia, no IES Cidade de Antioquía; e o día 20 no Centro Multiusos de Cea, acto dirixido aos estudantes desta comarca. A ambos municipios alude Cela na súa obra.

Segundo Xosé Carlos Caneiro, o, título da obra resume as intencións deste proxecto: "unir a obra de Camilo José Cela, en especial Mazurca para dos muertos, coa provincia de Ourense, a galeguidade, que eu considero rotunda en Cela, e significar a excelencia da súa obra a través dun estudo que realicei da súa novelística".

"O proxecto –di Caneiro- pretende unir no centenario de Cela a excelencia da provincia de Ourense coa excelencia da súa obra literaria. Utilizo Mazurca para dos muertos, como nexo entre Cela e a provincia porque esta novela se desenvolve principalmente en Ourense. É a novela do rural galego, segundo afirmaba Cela, e para min é a obra que máis medrou de toda a súa bibliografía. O triángulo fundamental da súa obra esta formado por este libro xunto con La familia de Pascual Duarte e La Colmena", asegura Xosé Carlos Caneiro.