As "Voces da Ourensanía" poñen en valor a cultura da provincia, na mostra que se exhibe no Pazo Provincial

 

  • Manuel Baltar inaugurou esta tarde a exposición, con obras do pintor Suso Cubeiro, dentro das actividades da "Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación".

Ourense, 25 de outubro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, inaugurou esta tarde a exposición "Voces da Ourensanía", que se expón desde hoxe de maneira permanente no Pazo Provincial, unha mostra pictórica do artista Suso Cubeiro con dezaseis retratos de destacados persoeiros das letras da ourensanía, voces históricas de onte e de hoxe que ocupan un espazo importante no mundo da cultura, da historia e da etnografía do noso territorio, e que deben ser coñecidos e lembrados por todos os ourensáns", expresou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial destacou que estes persoeiros, "coa súa obra e o seu traballo creativo e investigador, puxeron en valor á provincia de Ourense, e agora, con esta mostra queremos render homenaxe ao seu labor para que figuren, como ilustres que son, nesta galería do Pazo Provincial".

Os retratos, realizados polo pintor e ilustrador Suso Cubeiro mediante cadros pintados ao óleo, corresponden a Valentín Lamas Carvajal, Eladio Rodríguez González, Florentino Cuevillas, Xoaquín Lorenzo "Xocas", Curros Enríquez, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Pura Vázquez, Dora Vázquez, Carlos Casares, Filomena Dato, Vicente Risco, Eduardo Blanco Amor, Marcos Valcárcel e Luís González Tosar.

Esta actividade enmárcase dentro da programación da celebración da 4ª "Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación" que, ao igual que anteriores edicións, ten como obxectivo poñer en valor aos autores ourensáns aos que a Real Academia Galega dedicou o Dia Das Letras Galegas e a intelectuais que se teñen recoñecido polo seu traballo a prol da ourensanía. As tres campañas anteriores realizáronse mediante a edición de antoloxías dos devanditos autores, procurando recuperar as súas miradas sobre diversos aspectos da nosa provincia. Nesta ocasión esta antoloxía ampliouse a un total de dezaseis voces da ourensanía e, inclúe a Marcos Valcárcel pola súa significación cultural moderna, e a Luís González Tosar, autor da palabra e concepto de "Ourensanía".

As actividades da "Semana Escolar da Provincia e a súa Deputación" continúan mañá sábado, ás 11.00 horas, coa xornada de portas abertas no Pazo Provincial, que contará coa participación de Manuel Baltar.