A VI andaina solidaria de Nogueira de Ramuín será a favor da loita contra o cancro de mama

  • A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que se celebrará o vindeiro sábado, 26 de novembro.

Ourense, 24 de novembro de 2016.- O Concello de Nogueira de Ramuín acollerá o vindeiro sábado, 26 de novembro, a sexta edición da súa andaina solidaria que nesta ocasión será a favor da loita contra o cancro de mama. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; da presidenta da AECC de Ourense, María Isidora Gómez; do alcalde, do tenente de alcalde e do concelleiro de seguridade e participación cidadá do Concello de Nogueira de Ramuín, José César Parente, Raúl Soto e Manuel Pereira, respectivamente.

Rosendo Fernández dixo que a Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que "auna deporte, saúde, natureza e solidariedade" e felicitou ao Concello de Nogueira de Ramuín por celebrar "a sexta edición desta proba deportiva con carácter solidario". Así mesmo, o vicepresidente do goberno provincial salientou o labor que realiza a AECC de Ourense que "ao longo do ano desenvolve múltiples actividades para colaborar con esta loita desenfrenable e mitigar as consecuencias desta enfermidade".

O alcalde do Concello de Nogueira de Ramuín explicou que a proba deportiva contará con dúas rutas, a curta de 10 quilómetros, e a longa de 19,5 quilómetros, que discorren por pistas, camiños e corredoiras de zonas baixas e altas do municipio, cunha dificultade media-baixa, e media, respectivamente. Asemade, "cada 5 quilómetros haberá un avituallamento ao longo da andaina, e ao remate haberá un catering para todos os participantes grazas á colaboración de todos os comercios locais da zona, todo isto acompañado por ambientación musical", sinalou José César Parente.

A saída terá lugar ás 10.00 horas na praza de Luintra. O prezo da inscrición é de 7 euros que, tal e como explicou José César Parente, "unha vez sufragados os gastos, todo o diñeiro que quede irá destinado á asociación". Os interesados en participar poderán anotarse ata o mesmo día da proba. A estimación de participantes é de "ao redor de 200 persoas como sucedeu nas anteriores edicións", dixo o alcalde do Concello de Nogueira de Ramuín.

María Isidora Gómez agradeceu ao Concello de Nogueira de Ramuín que "pensase na nosa asociación como beneficiaria dos recursos económicos que se obteñan e a todos os que participen nesta proba deportiva", e engadiu, "a cantidade recadada é moi importante para a asociación porque máis aló do que se considera como necesario como é o aspecto emocional, tamén hai outra serie de circunstancias como nos momentos complicados da enfermidade, a necesidade de material ortoprotéxico, pelucas, grúas, etc, e todo iso é de forma gratuíta polo que, necesitamos contar tamén con diñeiro".