Lembranzas da infancia na exposición "A Man Verde"

  • O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense estrea esta mostra no marco do Outono Fotográfico.

Ourense, 23 de novembro de 2016.- O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense estrea unha nova exposición "A Man Verde", un traballo conxunto do pintor, Tonho Ferreiro e do fotógrafo, Rubén Vilanova, que se enmarca dentro do Outono Fotográfico. A presentación desta mostra e do catálogo tivo lugar esta mañá, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o coordinador do Outono, Xosé Lois Vázquez; o director do Centro Cultural, Francisco González; e os dous artistas.

Rosendo Fernández dixo que para a Deputación de Ourense é "un orgullo contar coas obras de artistas ourensáns neste edificio eminentemente cultural, no marco do Outono Fotográfico que abre a cultura aos cidadáns".

Pola súa parte, o director do Centro Cultural destacou a importancia de recuperar os catálogos porque son "documentos moi importantes que perduran no tempo e que nos permite revisar o traballo feito ao longo dos anos". En canto á mostra, Francisco González sinalou que se trata "dun proxecto artístico que mestura fotografía e pintura, que valía moito a pena incorporalo dentro do Outono Fotográfico".

Rubén Vilanova explicou que obra xira entorno a varios conceptos como son "a infancia e a memoria. Trátase dunha mostra que toma como punto de partida os recordos da infancia, que en moitos casos son espazos comúns a todos". Asemade o fotógrafo salientou o carácter suxestivo da mostra: "hai que deixarse levar por ela e non afondar no que esconde". Nesa mesma liña, Tonho Ferreiro dixo que a obra "trata de evocar e de suxerir, eses lugares da infancia que nós queremos mostrar".

Na mostra recréanse lembranzas tan concretas e puntuais como son "os primeiros pasos", "a mesma pedra", "xogos prohibidos", "a morada de verán", entre outros recordos que farán viaxar ata a infancia a todos aqueles que se acheguen ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel".

En canto ao proceso de creación ambos artistas explicaron que xeralmente as obras comezábanse coa pintura e despois coa fotografía pero, a pesar de contar cunha estrutura de traballo concreta, cada peza tivo un proceso particular que modificaba esa estrutura segundo as particularidades de cada obra.

Xosé Lois Vázquez agradeceu á Deputación de Ourense que continúe a colaborar co Outono Fotográfico que "abre á sociedade a posibilidade de poder ver de forma pausada exposicións deste calibre, que xoga no terreo da fronteira que establece visualmente códigos que apenas podemos diferenciar entre a pintura e a fotografía". Asemade lembrou que hoxe "pasamos o Ecuador do Outono Fotográfico coa apertura de exposicións en varias salas de arte".