Xornada de clausura do congreso internacional de San Martiño de Tours

 

  • Os participantes realizaron esta mañá un tramo a pé da Vía da Prata e coñeceron o Mosteiro de Oseira, para continuar cos relatorio pola tarde no Pazo de Vilamarín.

Ourense, 18 de novembro de 2016.- O Congreso Internacional de San Martiño de Tours que se ven celebrando na provincia de Ourense desde o pasado luns, 14 de novembro, chega ao seu fin. A xornada de hoxe deu comezo ás 9.30 horas cunha visita de estudo a Cea, onde realizaron un pequeno tramo a pé da Vía da Prata do Camiño de Santiago e ao chegar ao Mosteiro de Oseira gozaron dunha visita guiada por este emblemático lugar da provincia de Ourense.

As actividades continúan pola tarde, nesta ocasión no Pazo de Vilamarín, onde retomarán a temática abordada na xornada de onte sobre a evolución dos bispados na Gallaecia da época Sueva. O primeiro en intervir será Miguel Alba Calzado do Consorcio Monumental da Cidade de Mérida, que presentará "Augusta Emerita e a cristianización da cidade na Antigüidade tardía". Na súa intervención falará da cidade de Mérida e do proceso de cristianización da cidade dos século V ao VII.

Seguidamente, será a quenda para Luis O. Fontes da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho, Braga, quen falará de "Bracara, capital do Reino Suevo: a cidade e o territorio ao tempo de São Martinho de Dume". Luis O. Fontes ofrecerá un relatorio no que explicará a evolución da cidade de Braga, ao norte de Portugal, que foi a capital do Reino Suevo, tanto da cidade como do seu territorio inmediato nos séculos V e VI, pois Dumio, que se atopa ao carón de Braga, foi un Mosteiro fundado por San Martín de Dumio.

Despois do descanso, Lino Augusto Tavares Dias do Centro de Estudos de Arquitectura e Urbanismo da Universidade do Porto, presentará "Tongobriga, de ciutas a "parroqui sueva". Na súa intervención falará da cidade de Tongobriga na localidade de Freixo, preto do Porto, na antigüidade tardía.

Por último, Virgilio Lopes do Campo Arqueolóxico de Mértola, que presentará "Mértola, de portus a cristiana ciuitas", abordará o tema da evolución de Mértola desde a súa etapa como porto romano ao bispado dos séculos V ao VII.

Finalmente, o acto de clausura dará comezo ás 21.00 horas, a cargo do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; do coordinador do congreso, Jorge López Quiroga; e do secretario científico do congreso, Artemio M. Martínez.