A cuarta xornada do congreso internacional de San Martiño de Tours leva aos participantes á Ribeira Sacra

  • Os relatorios retomaranse pola tarde, nesta ocasión, na Facultade de Historia da Universidade de Vigo, no Campus de Ourense.

Ourense, 17 de novembro de 2016.- A programación da cuarta xornada do Congreso Internacional de San Martiño de Tours segue a desenvolverse segundo o previsto, e esta mañá os participantes continuaron a coñecer o patrimonio histórico e natural da nosa provincia cunha visita de estudo aos Mosteiros de San Pedro de Rocas, Santa Cristina de Ribas de Sil, e ao Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil.

Pola tarde, as actividades trasladaranse á Facultade de Historia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, lugar que acollerá os relatorios desta xornada e que se centrarán na evolución dos diferentes núcleos episcopais, na antigüidade tardía, nos séculos V e VII. Os ponentes ofrecerán un panorama actual sobre a evolución dos bispados nesta época segundo os datos proporcionados polas escavacións arqueolóxicas que se realizaron recentemente. Así, o primeiro en intervir será Antonio Rodríguez Colmenero da Universidade de Santiago de Compostela, con "Lucus Augusti: de Santuario de Augusto a Sede Metropolitana". Antonio Rodríguez presentará a evolución da fundación da cidade de Lugo ata que se converte en bispado, a partir das últimas novidades froito das escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos anos.

Posterioremente, será a quenda para José Suárez Otero, da Universidade de California que presentará "El Locus Sanctus lacobi" e a cristianización do Noroeste hispánico, ca. S. IV-VI AD. Acotacións arqueolóxicas ao enigma compostelán". Na súa intervención fará un repaso pola transformación do núcleo primitivo de Santiago ata que se conforma a Catedral e o entorno de Santiago, entre os séculos V e VII a partir dos datos arqueolóxicos.

Despois do descanso, Fermín Pérez Losada da Universidade de Vigo ofrecerá un relatorio que baixo o título de "Tude /Tui) e o seu territorio durante a Antigüidade Tardía: continuidades, cambios e transformacións" falará da evolución da cidade e do bispado de Tui e o seu territorio partindo, novamente, dos datos proporcionados polas escavacións arqueolóxicas realizadas recentemente.

Por último, José Avelino Gutiérrez González da Universidade de Oviedo exporá "Legio e o seu territorium na época sueva". No seu caso, e continuando coa temática abordada nesta xornada, fará un repaso pola evolución da cidade e bispado de León, así como do seu territorio na Antigüidade tardía, a través dos datos arqueolóxicos.

Mañá venres, 18 de novembro, nesta última xornada no marco do Congreso Internacional de San Martiño de Tours, as actividades comezarán ás 9.30 horas cunha visita de estudo a Cea, onde realizarán un pequeno tramo a pé da Vía da Prata do Camiño de Santiago e a chegada ao Mosteiro de Oseira onde gozarán dunha visita guiada e dunha comida neste emblemático lugar ourensán.

Pola tarde, a programación continuará no Pazo de Vilamarín coa intervención de Miguel Alba Calzado do Consorcio Monumental da Cidade de Mérida, que presentará "Augusta Emerita e a cristianización da cidade na Antigüidade tardía". Seguidamente, intervirá Luis O. Fontes da Unidade de Arqueoloxía da Universidade do Minho, Braga, quen falará de "Bracara, capital do Reino Suevo: a cidade e o territorio ao tempo de São Martinho de Dume". Despois do descanso, será a quenda para Virgilio Lopes do Campo Arqueolóxico de Mértola, que presentará "Mértola, de portus a cristiana ciuitas". Finalmente, o acto de clausura dará comezo ás 21.00 horas, que rematará cunha cea.