Os participantes do congreso internacional de San Martiño de Tours coñecen lugares emblemáticos da provincia de Ourense

  • Asemade, na xornada de tarde, retomaranse os relatorios a cargo de especialistas das Universidades de Madrid, Santiago de Compostela, Vigo e do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense.

Ourense, 16 de novembro de 2016.- Os participantes no Congreso Internacional de San Martiño de Tours coñeceron nunha visita de estudo esta mañá lugares emblemáticos da nosa provincia como son o Mosteiro de San Salvador de Celanova, a Capela de San Miguel, o Centro de interpretación e xacemento de Aquis Querquennis, e a Igrexa de Santa Comba de Bande.

Na xornada de tarde, retomaranse no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" os relatorios a cargo de especialistas das Universidades de Madrid, de Santiago de Compostela, do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense e do Museo Catedralicio de Ourense, e da Universidade de Vigo.

A xornada comezará coa intervención de Artemio M. Martínez Tejera, da Universidade Autónoma de Madrid que presentará a "Arquitectura cristiá no Regnum Suevorum Hispaniae (411-585 AD): entre o ideal e a praxis". No seu relatorio falará do espazo arquitectónico cristián no ámbito xeohistórico do reino Suevo, tendo presente que os Suevos convertéronse ao catolicismo dúas veces, aínda que non se sabe ben se desde o paganismo ou o arrianismo: a primeira, a título persoal e familiar con Requiario; e a segunda, a do pobo, propiciada pola actividade do panonio San Martín, bispo de Braga, coñecido como "Apóstol dos Suevos", e difusor do culto a San Martín de Tours entre os Suevos.

Continuará, Marcos V. García Quintela, da Universidade de Santiago de Compostela co relatorio "A construción da paisaxe cristiá de Galicia: estudo interdisciplinar e mirada antropolóxica". Na súa intervención presentará unha síntese dos traballos multidisciplinares levados a cabo nos últimos anos en torno ao tema anunciado enfatizando o interese da mirada antropolóxica como criterio aglutinador de eses traballos. Marcos V. García realizará unha lectura antropolóxica de cómo se vai conformando a paisaxe cristiá en Galicia, é dicir, cómo se pasa do mundo prerromano á cristianización a través da lectura antropolóxica da paisaxe.

Despois do descanso, será a quenda para Miguel Ángel González García, director do Arquivo Histórico Diocesano de Ourense e do Museo Catedralicio de Ourense, quen falará da memoria de San Martín de Tours no Ourense Medieval: iconografía e reliquias. Miguel Ángel González presentará a evolución iconográfica de San Martin de Tours, a través das imaxes e das reliquias do Ourense medieval.

Pola súa parte, Luis A. García Moreno da Universidade de Alcalá falará da "diverxencia relixiosa e construción de identidades étnico-políticas nos Reinos suevo e godo". Continuando na línea de Walter Pohl, explicará cómo se constrúe a identidade étnica e política dos reinos Suevo e Godo, a través da disciplina prosopografía, estudo dos antropónimos, dos nomes das persoas ao longo do tempo. Asemade, falará das diferenzas que había entre o reino Suevo e o Godo, incidindo nas diferenzas relixiosas que existían entre ambos pobos que se convertían ao cristianismo ou ao arrianismo atendendo ao interese ou a cuestións políticas.

Asemade, Adolfo Fernández Fernández, da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, pechará a xornada co relatorio "O noroeste peninsular como centro neurálxico do comercio atlántico durante os séculos V ao VII. Unha perspectiva novidosa da Gallaecia suevo-visigoda desde os datos arqueo-históricos". Na súa intervención ofrecerá un panorama a través dos descubrimentos das escavacións arqueolóxicas realizadas nos últimos anos en Vigo e os arredores para falar dos contactos comerciais, entre os séculos V e VII, no momento do reino Suevo. Como novidade, conectará este comercio e a presenza de importacións, co desenvolvemento dos bispados na costa atlántica de Galicia.

Mañá xoves, 17 de novembro, os participantes sairán ás 8.30 horas para realizar unha visita de estudo aos Mosteiros de San Pedro de Rocas, Santa Cristina de Ribas de Sil, e ao Mosteiro de San Estevo de Ribas de Sil. Pola tarde, as actividades trasladaranse á Facultade de Historia da Universidade de Vigo no Campus de Ourense, onde ás 16.30 horas, Antonio Rodríguez Colmenero da Universidade de Santiago de Compostela, ofrecerá o relatorio "Lucus Augusti: de Santuario de Augusto a Sede Metropolitana". Posterioremente, intervirá José Suárez Otero, da Universidade de California para falar de "El Locus Sanctus lacobi" e a cristianización do Noroeste hispánico, ca. S. IV-VI AD. Acotacións arqueolóxicas ao enigma compostelán". Despois do descanso, Fermín Pérez Losada da Universidade de Vigo presentará "Tude /Tui) e o seu territorio durante a Antigüidade Tardía: continuidades, cambios e transformacións". Por último, José Avelino Gutiérrez González da Universidade de Oviedo exporá "Legio e o seu territorium na época sueva".