Comeza a undécima edición do concurso internacional "Tempranillos ao Mundo"

  • Ourense será a sede desta celebración que convoca a súa vez o Certame Internacional de Viños Blancos Galegos.

Ourense, 8 de novembro de 2016.- O vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, participou esta tarde no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", na inauguración da undécima edición do concurso internacional de "Tempranillos ao Mundo" que desde hoxe ata o día 10 de novembro se celebrará en Ourense e no que se convoca á súa vez o Certame Internacional de Viños Blancos Galegos. No acto tamén participou a directora xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén Docampo; o alcalde do Concello de Ourense, Jesús Vázquez; e o presidente nacional de enólogos, Santiago Jordi.

Rosendo Fernández destacou na inauguración a importancia que ten o viño na nosa provincia como xerador de "riqueza, emprego e asentamento poboacional no rural", e este evento "non só poñerá en valor a riqueza vitivinícola da nosa provincia que ten catro das cinco Denominacións de Orixe galegas, senón que contribuirá a espallar a "Marca Ourense" a nivel internacional no ámbito do viño", dixo o vicepresidente da Deputación de Ourense.

O goberno provincial colabora con esta celebración porque considera que o viño é "un magnífico embaixador de territorios e das súas xentes, pois son as emocións que transmite este produto as que está a facer que o mundo se interese por el e polos seus territorios", sinalou Rosendo Fernández que engadiu, "o viño xera riqueza a través do turismo de calidade, e eses turistas convértense nos mellores embaixadores deste produto emblemático".

Este evento organizado pola Federación Española de Asociacións de Enólogos (FEAE) e pola Asociación Galega de Enólogos (AGE), reunirá durante os vindeiros días a recoñecidos especialistas e enólogos de todo o mundo, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense.

O concurso dará comezo mañá mércores, 9 de novembro, ás 8.30 horas, con catas ata as 13.00 horas. Posteriormente, os participantes poderán coñecer a zona histórica da vila de Ribadavia e, ás 18.00 horas, realizarán unha visita ao casco antigo da cidade de Ourense.

O xoves, 10 de novembro, as catas retomaranse no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" realizaranse catas desde as 8.30 horas ata as 13.30 horas. Os premiados daranse a coñecer o vindeiro luns, a partir das 15.00 horas, na páxina web da FEAE.