Manuel Baltar recibe a José Sousa, premio "Ourensanía" 2016

Ourense, 7 de novembro de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu hoxe no Pazo Provincial ao produtor ourensán José Sousa, quen ven de ser recoñecido co VI Premio "Ourensanía", un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. Na reunión, que ten lugar días previos á gala de entrega do galardón, que se celebrará no Teatro Principal de Ourense o vindeiro venres, 11 de novembro, Baltar e Sousa analizaron a situación da actualidade cultural en Iberoamérica, e sinaladamente da industria do cine, ademais de asuntos relacionados coa emigración ourensá e a súa implicación cos ámbitos culturais e sociais.

O xurado do Premio "Ourensanía" ditaminou este ano concederlle o Premio "Ourensanía" a José Sousa (nacido en Ramirás), produtor de cine e propietario da Productora Xenon Films, pola súa longa carreira cinematográfica en Venezuela que o ten colocado entre as primeiras produtoras cinematográficas daquel país e situado coma un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana.