O Concello de Cortegada acollerá a novena edición da súa andaina

  • Este evento deportivo de dificultade media celebrarase o vindeiro domingo, 30 de outubro.

Ourense, 27 de outubro de 2016.- O Concello de Cortegada acollerá o vindeiro domingo, 30 de outubro, a 9ª camiñada "Roteiro por terras de Cortegada", de dificultade media. A presentación deste evento deportivo tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o asesor de Deportes, Bernardino González; o alcalde, tenente de alcalde e concelleira de Servizos Sociais e Igualdade do Concello de Cortegada, Avelino Luis de Francisco, José Victor González e Begoña Estévez, respectivamente.

Rosendo Fernández destacou o labor do Concello de Cortegada que "sendo unha vila termal, leva a cabo eventos desta categoría, como no mes de agosto co Rally "A Subida a Cortegada". Con estas iniciativas conseguimos facer máis provincia, neste caso dinamizando o municipio de Cortegada cun evento que aúna deporte, ocio e saúde". Pola súa parte, Bernardino González destacou que estas actividades "fomentan a saúde e poñen en valor o territorio".

A andaina presenta dúas posibles rutas, unha longa de 20 quilómetros e outra curta de 13 quilómetros. A saída terá lugar ás 9.00 horas na rúa Bouza Brey. Durante o percorrido haberá catro puntos de avituallamento. "A camiñada é circular e pasará polas distintas parroquias de Cortegada", sinalou Begoña Estévez.

O alcalde do Concello de Cortegada explicou que esta andaina que vai pola súa novena edición, "ten un percorrido bucólico ao carón do río Miño e por zonas de gran beleza da localidade. Trátase dunha actividade consolidada que ten unha gran acollida, actualmente contamos con 300 inscritos, e esperamos chegar aos 350, como en edicións anteriores".

Os interesados en participar poderán inscribirse ata cubrir as 350 prazas chamando ao Concello de Cortegada para anotarse, e o prezo da inscrición será de 8 euros que inclúe "un agasallo conmemorativo, avituallamento, comida a base de callos, bebida e servizo de fisioterapia", dixo Avelino Luis de Francisco.

"Comezamos con este evento deportivo con moita ilusión e cada ano imos prosperando para facelo o mellor posible", salientou José Víctor González.