O produtor de cine José Sousa, premio "Ourensanía" 2016

  • O xurado, reunido hoxe no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, emitiu seu ditame destacando do premiado súa longa carreira cinematográfica en Venezuela, que o colocaron como un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana.

  • A entrega do premio terá lugar no Teatro Principal de Ourense o 11 de novembro, día de San Martiño, xornada do patrón da Ourensanía.

Ourense, 14 de outubro de 2016.- O produtor José Sousa ven de ser recoñecido co VI Premio "Ourensanía", un galardón que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns ou persoas vinculadas á provincia de Ourense que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O xurado do Premio "Ourensanía", reunido hoxe no Pazo Provincial baixo a presidencia do titular da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, ditaminou concederlle o Premio "Ourensanía 2016" a José Sousa, produtor de cine e propietario da Productora Xenon Films, pola súa longa carreira cinematográfica en Venezuela que o ten colocado entre as primeiras produtoras cinematográficas daquel país e situado coma un dos nomes imprescindibles dentro da industria cinematográfica venezolana.

Nacido no lugar de Ver (Ramirás), o traballo de José Sousa no ámbito da industria cinematográfica venezolana cóntase a través de centos de producións audiovisuais, curtametraxes, documentais, spots publicitarios, etc., realizados ó longo das tres últimas décadas, se ben o seu prestixio como cineasta aséntase na implicación en preto de 40 longametraxes, como "El manzano azul", "Reverón", "El malquerido" ou "La casa del fin de los tiempos", que teñen conseguido os máximos niveis de aceptación por parte do público hispanoamericano e que o manteñen instalado na vangarda permanente da cinematografía de América Latina.

O ourensán José Sousa, que viaxou para Caracas con tan só 14 anos, representa a esa parte da emigración ourensá do outro lado do Atlántico que sen esquecerse xamais das súas orixes, asumiron completamente a súa integración no país de acollida e hoxe en día comparten a súa ourensanía co compromiso vital co seu país de acollida, neste caso Venezuela.

O xurado desexa facer mención explícita, ademais, á súa dona Jackeline Salazar, (asasinada a finais do pasado mes de agosto por mor do clima de desatada delincuencia coa que conviven hoxe en día os venezolanos) e que aínda sendo venezolana de nacemento era unha gran admiradora de Ourense. Sen a intervención de Jackeline Salazar, como vicepresidenta da Productora Xenon Films, non sería posible entender tan abondoso traballo na industria audiovisual venezolana coma o que ten levado a cabo a devandita produtora.

Con este recoñecemento, o xurado desexa así mesmo pousar unha mira especial á complexa situación socio política que vive hoxe en día aquel país e aproveitar o nome de José Sousa para enviar unha mensaxe de afecto e solidariedade á comunidade ourensá, en particular e galega en xeral de Venezuela, que está vivindo nunha encrucillada histórica, vítima da descomposición social dun país ó que tanto lle debe economicamente a nosa provincia.

Por outra banda, o xurado acordou que a partir desta edición, cada ano sexa rescatada do silencio da historia unha figura senlleira de entre os innumerables ourensáns que xa non están connosco e que, sen embargo, son merecentes de que seren devolvidos á actualidade polo legado que nos deixaron trala súa desaparición.

Neste sentido acordouse que a primeira figura a rescatar do silencio da historia sexa Rodolfo Prada Chamochín, un emigrante ourensán nacido nos Peares (A Peroxa) que desenvolveu toda a súa actividade profesional e cultural en Buenos Aires e que foi o garante dos principios da ourensanía e do galeguismo na quinta provincia, sendo ademais unha figura transcendental na biografía bonaerense de Castelao.

A entrega do VI Premio Ourensanía terá lugar no Teatro Principal de Ourense o día 11 de novembro, por ser o día de San Martiño, xornada indiscutible do patrón da Ourensanía. No transcurso deste acto, o presidente da Deputación provincial de Ourense entregaralle á premiada unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da presente acta, que dá fe do premio.

O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; Virxilio Rodríguez, vicerreitor do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense, Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Juan Luís Saco, catedrático e intelectual.