Xornada de clausura do 82 Congreso do PEN Internacional

  • No acto, celebrado na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, entregáronse os Premios Rosalía de Castro a Dina Salústio, Almudena Grandes, Álex Susanna e Mariasun Landa.

Ourense, 1 de outubro de 2016.- A 82 edición do Congreso do PEN Internacional chega ao seu fin nunha xornada de clausura, marcada pola entrega dos Premios Rosalía de Castro, na súa undécima edición. A Cidade de Cultura de Santiago de Compostela, foi o escenario elixido para clausurar esta celebración que converteu a Ourense durante esta semana, na capital mundial da literatura, baixo o lema "Erguendo pontes literarias".

Nesta ocasión, honrando un ano máis desde o sistema literario galego as linguas e literaturas veciñas de ámbito hispanoamericano e lusófono, recoñeceuse a traxectoria profesional da caboverdiana Diana Salústio, en lingua portuguesa; a madrileña Almudena Grandes, en lingua castelá; o barcelonés Álex Susanna, en lingua catalá; e a guipuzcoana Marisun Landa, en lingua vasca.

O acto, conducido pola poeta galega Yolanda Castaño, enmarcouse dentro da programación da xornada de clausura deste Congreso que reuniu desde o día 26 de setembro, a preto de 200 escritores e delegados dos 75 Centros PEN de todo mundo.

Na celebración estiveron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a concelleira de Cultura do Concello de Santiago de Compostela, Branca Novoneyra; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e a secretaria do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez.

O peche a este encontro de profesionais do mundo das letras arrancou coa lectura de varios textos e poemas en homenaxe á xornalista rusa Anna Politkóvskaya, por cumprirse o décimo aniversario do seu asasinato. Posteriormente, realizouse a entrega dos Premios Rosalía de Castro, o único certame especificamente literario que ostenta o nome da escritora galega máis universal, Rosalía de Castro. Está destinado a honrar desde a lingua e a literatura galegas ás linguas e sistemas literarios hispano, éuscaro, catalán e portugués.

Logo da entrega dos galardóns, esculturas de Acisclo Manzano, e da cea, a presidenta do PEN Internacional, Jennifer Clement amosouse "moi feliz por ter celebrado este Congreso en Galicia", destacando que foi "un Congreso histórico no que se votou a favor dun manifesto de dereito de autor. Asemade, é o primeiro no que se discutiron cuestións de xénero e onde se examinou cómo a violencia en contra das mulleres é unha forma de censura".

Pola súa parte, Luis González Tosar, salientou que desde agora "o nome de Ourense e de Galicia percorrerá con pasos máis fortes o mundo das letras".

A actuación musical correu a cargo de Davide Salvado, que interpretou varias das súas pezas ao longo do acto, rematando cun resumo audiovisual do que foi esta 82 edición.