Obradoiro de Haikus, no marco do 82º Congreso do PEN Internacional

Ourense, 28 de setembro de 2016.- A 82 edición do PEN Internacional que se está a celebrar en Ourense durante esta semana, continúa a desenvolver a súa actividade segundo a programación prevista, polo que hoxe, o Liceo de Ourense, acolleu ao escritor xaponés Yoshiharu Fujiwara, responsable de conducir un obradoiro de Haikus. O escritor, nado en Hiroshima no ano 1959, cursou estudos de cultura galega e portuguesa na Universidade de Coímbra (Portugal), aproveitando a súa estancia para coñecer as diferentes cidades de Galicia. Asemade, despois de licenciarse no Departamento de Historia Occidental da Facultade de Letras e Filosofía da Universidade de Tokio, realizou unha tese sobre o nacionalismo galego do século XIX.

Asemade durante o día de hoxe, tamén se celebrou a mesa redonda sobre "Galicia, ponte literaria", así como unha cea acompañada coa lectura de textos breves dos diferentes delegados e participantes no Congreso.

Mañá xoves, 29 de setembro, o Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense acollerá o relatorio "Escritores, editores e axentes literarios na periferia", ás 18.00 horas, na que participan Fina Casalderrey, Mariasun Landa, Víctor F. Freixanes e Cristóbal Pera. Pola súa parte, Dina Salústio e Luis Ménendez, abordarán, ás 19.00 horas, a "Lusofonía no PEN", coa proxección dun documental, no Liceo. A continuación, comezará o Festival Caboverdiano, da man de Batuko Tabanka, un grupo de mulleres caboverdianas chegadas dende Burela, que sorprenderán cos seus ritmos, danzas e gastronomía.