Música, cinema e gastronomía na IX edición do Festival das Artes Escénicas de Riós

  • A celebración que este ano entregará a Castaña de Cristal a artista, Susana Seivane, terá lugar os días 13 e 14 de agosto no Souto de Castiñeiros de Riós.

Ourense, 2 de agosto de 2016.- A IX edición do Festival das Artes Escénicas Abelardo Gabriel de Riós, mesturará música, cinema e gastronomía durante os días 13 e 14 de agosto no Souto de Castiñeiros de Riós, onde este ano entregarán a Castaña de Cristal á artista, Susana Seivane. A presentación desta celebración tivo lugar esta mañá no Centro Cultural "Marcos Valcárcel", acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela; o director do festival, Rubén Riós; o alcalde do Concello de Riós, Francisco A. Veiga Romero; e a premiada coa Castaña de Cristal, Susana Seivane.

Rosendo Fernández dixo que este festival é "unha iniciativa que aporta valor engadido ao mundo cultural ourensán, polo que a Deputación de Ourense colabora por ser unha referencia no mundo das artes escénicas na provincia". Asemade o vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o papel de Rubén Riós "por ser quen de cumprir os seus obxectivos profesionais aquí e fóra das nosas fronteiras, e mire ao rural ourensán como oportunidade onde desenvolver o seu talento natural, pois o talento sen oportunidade non chega".

"Este festival ten varios nomes propios, é dicir, Neira Vilas, Susana Seivane, Xil Ríos, en definitiva, esa xente que se fixa no rural galego para crear e continuar a potenciar Galicia, que é un rural grande con pequenas cidades, polo que, canto antes nos demos conta de que ese rural nos necesita e que resulta necesario crear este tipo de actividades, antes nos irá mellor a todos", explicou o director do festival.

Asemade, paralelamente ao festival celebraranse unhas xornadas de convivencia creativa "Ruralizarte" que achegarán distintos artistas como Emilio Rúa, Tania Fuegho, Miguel Guido e Rubén Riós, a dez mozos e mozas de entre 12 e 17 anos, co fin de promover e desenvolver a súa intelixencia emocional e capacidades artísticas, nas distintas disciplinas das artes escénicas, creando conxuntamente cos artistas, unha canción e actuación, relacionada coas problemáticas actuais do rural, que será presentada o domingo, 14 de agosto no marco do festival.

José Manuel Rey Varela explicou que o programa "Ruralizarte" "ten entre os seus obxectivos fomentar a creatividade entre a xuventude, a cal vai unida á innovación e, polo tanto, ao futuro. Asemade ten unha relación moi importante coa tradición, pois trata de visibilizar o noso rural", sinalou o conselleiro de política social.

O Festival das Artes Escénicas de Riós comeza o sábado, 13 de agosto, centrado nesta primeira xornada no cinema. Concretamente, ás 19:00 horas terá lugar no Centro Cultural de Riós a presentación do musical Superpunki, e do documental O Día dos Afogados; e a partir das 22.00 horas, celebrarase a "Gala do Audiovisual" na que se proxectará Vida e Máis ca Vida, e seguidamente terá lugar un espectáculo musical coas actuacións de Fredi Leis, autor da música de Vida, de Susana Seivane e da banda de gaitas de Riós. Será no transcurso destas actuacións cando se entregue a Castaña de Cristal, que nesta edición recae en Susana Seivane, quen asegurou na presentación que "este galardón é moi importante por todo o que o rodea. O máis relevante deste festival é potenciar o rural porque todo nace de aí".

Ao día seguinte, o 14 de agosto, os protagonistas da xornada serán a música, a gastronomía e a tradición. A partir das 12:00 horas comezará a "Ruta do Talento", trazando un percorrido ao longo de castiñeiros milenarios que nesta edición as personalidades elixidas para o bautizo dos castiñeiros son, a título póstumo, "Xosé Neira Vilas, por ser unha persoa comprometida coa sociedade galega, e as afeccións do Real Club Celta de Vigo e Real Club Deportivo da Coruña, que fan que todos os galegos esteamos orgullosos dos nosos equipos", afirmou Rubén Riós.

Posteriormente, ás 14.30 horas, terá lugar a II edición do evento gastronómico "Gastroñam", no que a castaña é a protagonista, e xa pola noite, a partir das 22.00 horas celebrarase a IX "Gala das Artes Escénicas" na que participará Candido Pazó, Xoel Yañez e Lucía Álvarez e rematará cunha homenaxe a Xil Ríos a cargo de Tania Fuegho e Emilio Rúa.