As irmás ourensás Pura e Dora Vázquez, protagonistas da VIII edición da "Festa da Palabra"

  • Manuel Baltar destacou na Insua dos Poetas que as homenaxeadas son "o exemplo de vontade de dúas mestras precursoras, avanzadas, creadoras de mundo que engaiolan aos nenos, poetas e mestras de poetas".

  • A Insua dos Poetas, lugar que acolle esta festividade, é "un lugar único e novidoso, no que a natureza dialoga coa palabra escrita, coa literatura, coas artes plásticas e a creatividade en xeral", afirmou Luis González Tosar.

Ourense, 16 de xullo de 2016.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou esta tarde na Insua dos Poetas, na celebración da VIII edición da "Festa da Palabra" na que se rendeu homenaxe ás irmás escritoras Pura e Dora Vázquez, quen ao longo de toda a súa vida, incluso en épocas moi difíciles, contribuíron cos seus libros e coa súa acción, á defensa da cultura e da lingua propia de Galicia.

Pura e Dora Vázquez naceron en Ourense no ano 1918 e 1913, respectivamente, e faleceron na mesma cidade, no ano 2006 e 2010, respectivamente. Ambas son "o exemplo da vontade de dúas mestras precursoras, avanzadas, creadoras de mundos que engaiolan aos nenos, poetas e mestras de poetas", dixo Manuel Baltar.

O presidente da Deputación de Ourense destacou na súa intervención que as irmás escritoras protagonistas de esta oitava edición da "festa da palabra", son "dúas boas e xenerosas ourensás. Poetas universais, soñadoras e conscientes da pervivencia do idioma que nos distingue e nos dignifica". E, engadiu, "o espírito das Irmandades da Fala xa latexaba en Ourense dende o poeta cego Valentín Lamas Carvajal. Sempre o río da galeguidade entrou a cachón en Ourense, que non o esqueza ninguén", afirmou Baltar.

"Como di Tosar: Ourense é moito máis ca unha provincia. Ourense chega onde chegan as súas xentes. E, como di Vicente Risco, eu creo na forza perdurable dunha terra, na resposta dun pobo. Todo xorde aquí, da Terra Nai, elévase na palabra, convertida en poesía, transformadora da pedra e doutras materias en arte", salientou o presidente da Deputación de Ourense.

Pola súa banda, o presidente da Fundación Insua dos Poetas, Luis González Tosar, asegurou que a Insua dos Poetas é "un proxecto único e novidoso, no que a natureza dialoga coa palabra escrita, coa literatura, coas artes plásticas e coa creatividade en xeral. Porque aparte desta "festa da palabra" que acada a oitava edición e que ten lugar o terceiro sábado de xullo, realízanse outras actividades organizadas pola Fundación Insua dos Poetas, como a celebración da auga, da árbore e da poesía, destinada aos escolares ourensáns e de toda Galicia; unha colaboración coas xornadas de cine e video do Carballiño, a través de proxeccións de documentais e películas ao aire libre nos mes de agosto; actividades musicais, teatrais e de impulso cultural no medio rural".

Asemade Tosar dixo que "o espírito da Insua dos Poetas é contribuír co fortalecemento da ourensanía, do galeguismo e a todo o que axude a unha maior proxección internacional da creatividade cultural de noso". Nesa mesma liña, Baltar asegurou que "seguiremos preservando e impulsando a ourensanía e, avanzaremos, máis e máis, no galeguismo popular. Cómpre facer país".

O monumento simbólico que perpetuará a memoria das dúas escritoras homenaxeadas foi realizado por Luis González Tosar, escritor que nos seus comezos participou do grupo de creadores que a finais dos anos 60, na cidade de Vigo, abriron unha senda na vangarda artística do noso país; daquela nace a súa vocación escultórica, a paixón polas formas e os volumes sendo alumno do mestre Camilo Nogueira Martínez, tanto no seu taller na rúa de San Roque do barrio do Calvario, como na Escola de Artes e Oficios de Vigo. Precisamente será o pintor Antón Lamazares, outro artista daquela xeración, que englose a vocación escultórica de Luis González Tosar.

A celebración desenvolveuse primeiro cun acto literario, coa intervención do académico, escritor e director da Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes, e no que estiveron presentes familiares das homenaxeadas, intervindo, en nome deles, o fillo de Dora Vázquez, Antonio Alejo Rodríguez Vázquez. A música correu a cargo do grupo "Brañas Folk" que presentaron en exclusiva a adaptación dun poema de Pura Vázquez. Por último, esta primeira parte da celebración rematou coa entrega dos Premios "Insua dos Poetas" 2016 por parte das autoridades.

A segunda parte da celebración consistiu no develamento do conxunto escultórico realizado en granito da canteira mineira de Rocas de Melón.

A Fundación Insua dos Poetas ven celebrando a "Festa da Palabra" desde o ano 2008, una cita anual que xa forma parte do calendario cultural do verán e que con esta oitava edición os escritores e escritoras presentes na Insua dos Poetas son: Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, Eduardo Blanco Amor, e o poeta arxentino-galego, Francisco Luis Bernárdez.

En canto aos premios "Insua dos Poetas" 2016, na modalidade de creación literaria recaeu na escritora Inma López Silva, polos seus 20 anos de creatividade literaria e pola súa defensa da liberdade de expresión e opinión. O premio pola defensa da cultura galega no exterior foi para a Irmandade Galega de Caracas, pola súa defensa permanente da identidade de Galicia en Venezuela e pola decisión de dedicarlle a festividade do 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, á figura do ourensán Pepe Velo, emigrante e loitador exemplar. No relativo aos medios de comunicación en galego o premio foi para Xan Fernández Pinal, polo seu traballo ao longo de máis dunha década na cadea Cope no Carballiño, así como pola súa defensa da lingua galega en todos os ámbitos da información, sendo pioneiro na redacción e transmisión a través das ondas, das esquelas en lingua galega. O premio á defensa do patrimonio etnográfico, arqueolóxico e monumental, recaeu no grupo cultural "Chamoso Lamas", na persoa do seu presidente, Xosé Luis Sobrado, polo seu labor de investigación, conservación e preocupación polo patrimonio cultural da comarca do Carballiño. Por último, o premio á acción empresarial no eido da cultura foi para Adegas Cachín de Teixeira, coa especial mención a César Enríquez, por levar o viño ata as máis altas instancias de EE.UU.

No acto tamén participou o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz.

O escritor homenaxeado na vindeira edición da "festa da palabra", será Carlos Casares, designado recentemente pola Real Academia Galega, como figura homenaxeada das Letras Galegas 2017. Neste senso, Manuel Baltar asegurou que "en 2017, sempre, celebraremos tamén a Carlos Casares, un galeguista cabal, un home de concordia, de bo facer e de mellor dicir. Casares terá espazo propio nesta Insua dos Poetas".