Presentación en Luintra da "Vuelta Junior", un evento que promove os valores máis importante do deporte

  • Manuel Baltar dixo no acto, xunto ao director da "Vuelta a España", que nesta 71ª edición da "Vuelta a España" "a provincia de Ourense é a gran protagonista, con catro etapas, coa presentación dos equipos e coa saída da proba, ao que hoxe unimos unha actividade innovadora que ten moito que ver co futuro porque está dirixida á xente máis nova".

Ourense, 23 de maio de 2016.- No CEI de Luintra (Nogueira de Ramuín) tivo lugar esta mañá a presentación da "Vuelta Junior", un acto que contou coa participación dos alumnos do colexio; do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; do director de "La Vuelta", Javier Guillén; e do ex ciclista do "Xacobeo" e membro da ACP, David Abal, acompañados polo alcalde de Luíntra, César Parente, a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, e a directora do centro educativo, María José Barandela.

Manuel Baltar dixo que a "Vuelta Junior" "e un evento que, de forma paralela á "Vuelta a España", desenvólvese en 10 etapas das 21 que ten a Vuelta, para achegar aos máis pequenos a práctica do deporte e sinaladamente do ciclismo". "Este ano, na 71ª edición da "Vuelta a España" a provincia de Ourense é a gran protagonista, con catro etapas, coa presentación dos equipos e coa saída da proba, todo elo en territorio ourensán, e hoxe presentamos unha actividade innovadora nos últimos anos na Vuelta, que ten moito que ver co futuro porque está dirixida á xente máis nova".

Baltar explicou que a presentación da "Vuelta Junior" ten lugar no colexio público de Luintra porque esta localidade "vai ser un dos finais de etapa, das catro que se disputarán na provincia de Ourense", engadindo que o deporte "une os valores máis importantes do ser humano como son o sacrificio, o traballo en equipo ou a responsabilidade, e facelo aquí, nun colexio do rural de Ourense, é algo que desde a Deputación valoramos moi positivamente, para que os nenos e nenas sexan tamén protagonistas do gran de evento que é a "Vuelta a España", que este ano denomínase "Ourense Termal-Madrid", que lle dará á nosa provincia un protagonismo decisivo".

Pola súa banda, Javier Guillén explicou que a intención de Unipublic, da Fundación "Deporte Joven", da Asociación de Ciclistas Profesionais e de Cofidis "é fomentar por medio da "Vuelta Junior" a práctica do ciclismo entre os máis xóvenes", engadindo que durante os meses previos ao comezo da "Vuelta" "realízase unha actividade deportiva cos máis novos, que ten como obxectivo promover os valores do esforzo e o respecto por medio dun proxecto pedagóxico impulsado por entidades comprometidas co ciclismo".

Neste evento participan nenos e nenas de entre 8 e 12 anos dos diferentes colexios en cuxas localidades se van celebrar as etapas da "Vuelta a España", o que supón en toda España un total de 2.000 escolares.