O xuíz Vázquez Taín recibe con "humildade e fonda gratitude" o Premio "Ourensanía 2012"

Nun acto celebrado no Pazo de Vilamarín o premiado afirmou que os ourensáns "non deixamos pegadas, pero si pouso onde agroman as ilusións".

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou o traballo de Vázquez Taín "a prol das familias que sofren a lacra da droga" e a súa defensa "do patrimonio material e inmaterial de Galicia".

O xurado salientou o labor de Vázquez Taín nas súas investigacións contra o narcotráfico e o seu labor desenvolvido para a recuperación do Códice Calixtino.

O Pazo de Vilamarín acolleu hoxe o acto solemne de entrega do Premio "Ourensanía 2012", foi concedido ao xuíz José Antonio Vázquez Taín (A Merca, 1968). O evento, ao asistiron persoeiros da vida cultural, social e institucional, destacou no seu contido e desenvolvemento polo seu carácter de exaltación da Ourensanía "como sentimento que agrupa as virtudes dunhas xentes humildes, sacrificadas e sensibles", segundo afirmou o premiado no seu discurso.

Vázquez Taín dixo que os ourensáns "só choramos de dor una vez: cando nacemos; o resto da nosa vida pasámola empuxando, porque pasamos por ela non coa intención de deixar pegada, pero si pouso, onde agroman as ilusións". Asemade, Vázquez Taín afirmou que non atopa palabras para agradecer este recoñecemento "do que me sinto honrado de recibir, porque me sinto honrado de ser de Ourense, dunha terra onde se mesturan os Risco, Barreiros, Quessada e tantos centos de homes e mulleres que teñen ido polo mundo con ambición, humildade e amor polo noso". "Somos herdeiros da forza dos homes e mulleres da nosa terra e da sensibilidade dos nosos poetas –engadíu-, por elo, somos quen de reivindicar a nosa riqueza monumental, a nosa cultura, gastronomía, etnografía e todo o que nos engrandece".

Pola súa banda, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, destacou a figura do premiado subliñando a súa "impecable traxectoria profesional" e o seu traballo a traballo "a prol das familias que sofren a lacra da droga" e a súa defensa "do patrimonio material e inmaterial de Galicia, sinaladamente nomeado nas últimas datas pola súa investigación que permitiu recuperar o Códice Calixtino".

Baltar dixo tamén que un día como o de hoxe, "onde Ourense destaca con maiúsculas, cabe salientar que a Ourensanía une e non separa: esa foi e será a súa filosofía básica e principio inspirador", e engadiu que "impulsar a Ourensanía en liberdade esíxenos a todos un maior esforzo, un compromiso solidario, para conservar o que nos caracteriza e define".

Manuel Baltar rematou o seu discurso afirmando que a Ourensanía "non ten límites nin barreiras, e non entende de diferenzas ideolóxicas e partidistas porque se trata dun nexo común entre todos os cidadáns que temos a Ourense como punto de referencia vital".

A Deputación de Ourense instaurou o Premio "Ourensanía" como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais. Nesta edición, o xurado acordou conceder por unanimidade o Premio "Ourensanía 2012" a José Antonio Vázquez Taín, pola súa "tan valente como impecable e coherente traxectoria profesional no campo da xudicatura, xa fose nos distintos lugares da xeografía galega nos que lle ten tocado o exercicio da impartición da xustiza, como fóra dos lindes da nosa propia demarcación territorial".

Na acta do premio o xurado subliña que dende "o intenso e perigoso traballo de persecución do narcotráfico e doutros moitos delitos ligados a esta actividade criminal -que atentaron e aínda hoxe atentan contra a saúde colectiva dos galegos-, ata a máis recente e mediática intervención súa como responsable do Xulgado de Instrución nº 2 de Santiago de Compostela no proceso de investigación policial que felizmente concluíu coa recuperación do Códice Calixtino, o labor desenvolvido polo xuíz Vázquez Taín durante os últimos anos teno colocado nun lugar de preponderancia no ámbito da maxistratura nacional portando sempre a gala e o orgullo de ter consecuentemente chantadas as súas profundas raigames ourensáns".

Con este recoñecemento público da Ourensanía, o xurado quere simbolizar na súa persoa o imprescindible papel que os homes e mulleres que traballan na Xustiza deben continuar a representar como estamento garante e alicerce fundamental da nosa estabilidade social e do noso benestar perante problemas sociais tan graves coma o do narcotráfico.

O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario, e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense; Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Miguel Anxo Fernández, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

No acto, o presidente da Deputación de Ourense entregoulle ao premiado unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, así como unha copia da acta asinada por todos os membros do xurado.