Premio "Ourensanía 2012" para o xuíz José Antonio Vázquez Taín

O xurado, que fallou hoxe o galardón na Deputación de Ourense, salienta a súa "impecable e coherente traxectoria profesional no campo da xudicatura".

Vázquez Taín ten destacado polas súas investigacións xudiciais contra o narcotráfico e máis recentemente polo traballo desenvolvido para a recuperación do Códice Calixtino.

O xuíz José Antonio Vázquez Taín (A Merca, 1968) é Premio "Ourensanía 2012", que concede a Deputación de Ourense como recoñecemento honorífico a aqueles ourensáns que teñen destacado nas súas facetas profesionais, sociais ou intelectuais.

O xurado, reunido no Pazo Provincial de Ourense, deu a coñecer esta mañá o seu fallo, no que acordou conceder por unanimidade o o Premio "Ourensanía 2012" a José Antonio Vázquez Taín, pola súa "tan valente como impecable e coherente traxectoria profesional no campo da xudicatura, xa fose nos distintos lugares da xeografía galega nos que lle ten tocado o exercicio da impartición da xustiza, como fóra dos lindes da nosa propia demarcación territorial".

Na acta do premio o xurado subliña que dende "o intenso e perigoso traballo de persecución do narcotráfico e doutros moitos delitos ligados a esta actividade criminal -que atentaron e aínda hoxe atentan contra a saúde colectiva dos galegos-, ata a máis recente e mediática intervención súa como responsable do Xulgado de Instrución nº 2 de Santiago de Compostela no proceso de investigación policial que felizmente concluíu coa recuperación do Códice Calixtino, o labor desenvolvido polo xuíz Vázquez Taín durante os últimos anos teno colocado nun lugar de preponderancia no ámbito da maxistratura nacional portando sempre a gala e o orgullo de ter consecuentemente chantadas as súas profundas raigames ourensáns".

Con este recoñecemento público da Ourensanía, o xurado quere simbolizar na súa persoa o imprescindible papel que os homes e mulleres que traballan na Xustiza deben continuar a representar como estamento garante e alicerce fundamental da nosa estabilidade social e do noso benestar perante problemas sociais tan graves coma o do narcotráfico.

O xurado, presidido polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, estivo integrado por Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez (quen actuou como secretario do xurado), e os vogais: Luís González Tosar, presidente do PEN Club de Galicia; María Lameiras, vicerreitora do Campus de Ourense; Jesús de Juana, director da UNED en Ourense; Eva Torres, directora do Museo Municipal de Ourense, e Miguel Anxo Fernández, profesor de Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.

Acto de entrega no Pazo de Vilamarín

A entrega do galardón terá lugar o vindeiro domingo, 11 de novembro, ás 12.30 horas, nun acto que se celebrará no Pazo de Vilamarín, coincidindo co Día de San Martiño -xornada indiscutible do patrón da Ourensanía-, e contará cunha ampla representación de persoeiros dos ámbitos social, cultural, económico e institucional. No transcurso do acto, o presidente da Deputación de Ourense entregaralle ao premiado unha figura de bronce do escultor Xosé Cid, ademais dunha copia da acta do xurado.