Marta Sánchez grava en Laias o spot da "Vuelta" 2016, coa provincia de Ourense como protagonista

  • Nun bosque ao carón do Miño, xunto ao balneario de Laias, recreouse un ambiente festivo en plena natureza, onde a cantante pasou toda a xornada de hoxe gravando o vídeoclip xunto ao músico ourensán Daniel Minimalia e o gaiteiro Anxo Lorenzo.

  • Manuel Baltar asistiu á gravación do spot, xunto co director xeral de "Vuelta a España", Javier Guillén, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

  • O spot, que durará 50 segundos na súa versión máis longa, estrearase no vindeiro xullo, e recollerá, entre outras, imaxes dos lugares por onde discorren as etapas da "Vuelta" en Ourense e no resto de Galicia.

Ourense, 25 de abril de 2016.- A cantante Marta Sánchez gravou hoxe en Laias (Cenlle) o spot da "Vuelta" 2016, coa provincia de Ourense como protagonista. Nun bosque ao carón do Miño, xunto ao balneario de Laias, recreouse un ambiente festivo en plena natureza, onde a cantante pasou toda a xornada gravando o vídeoclip xunto ao músico ourensán Daniel Minimalia e o gaiteiro Anxo Lorenzo.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, impulsor do feito histórico de que por primeira vez na súa historia, en 71 edicións, a "Vuelta" percorra catro etapas na provincia e Ourense, asistiu á gravación do spot, xunto co director xeral de "Vuelta a España", Javier Guillén, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

O spot, que durará 50 segundos na súa versión máis longa, estrearase no vindeiro xullo, amosará, entre outras, imaxes dos lugares por onde discorren as etapas da "Vuelta" en Ourense e no resto de Galicia.

Manuel Baltar dixo que a presenza de Marta Sánchez en Ourense e a gravación do spot na provincia ourensá "demostra que a "Vuelta" é algo máis que un dos principais acontecementos deportivos internacionais, e a gravación deste vídeoclip supón un plus para a proxección mediática da proba ciclista máis importante do mundo, xunto co Giro e co Tour, e onde a provincia de Ourense está a ser este ano o centro de atención, xa que ademais das catro etapas que se correrán en terras ourensás, aquí será tamén a presentación dos equipos e aquí se vivirá durante o vindeiro mes de agosto un contacto directo con todos os protagonistas".

Baltar agradeceu aos directivos de a "Vuelta" que Marta Sánchez estivese hoxe en Ourense gravando o spot, "porque a súa presenza ven a realzar aínda máis o papel predominante da provincia de Ourense nesta edición da proba ciclista". O presidente do goberno provincial anunciou que nos próximos días Javier Guillén volverá a Ourense para manter un encontro cos medios de comunicación "para avaliar o retorno económico que suporá para a provincia de Ourense a disputa de catro etapas da "Vuelta" nesta provincia", e tamén avanzou que se organizará unha actividade con nenos e nenas deportistas, "vinculado ao proxecto "La Vuelta Junior", e una reunión "cos alcaldes do concellos ourensáns polos que discorrerá a "Vuelta" 2016, xuntanza que se celebrará na estación de montaña de Galicia, en Cabeza de Manzaneda".

Javier Guilén dixo que hoxe "quixemos saudar a quen vai ser a artista e embaixadora da sintonía oficial da "Vuelta" 2106, Marta Sánchez". "Un spot –comentou- que se pasará aló menos 500 veces en TVE e que pretende animar á xente a que veña a ver a "Vuelta" o 20 de agosto cando comece precisamente aquí, en Laias.

Nava Castro destacou a importancia de contar con Marta Sánchez nun acontecemento que será un grande escaparate para Galicia, "porque temos que lembrar que a "Vuelta" poderá seguirse en máis 190 países, e o videoclip amosará ao mundo imaxes das catro provincias galegas".