O Día da Bici volverá encher o domingo as rúas de Ourense da maior festa do deporte en familia

O evento, patrocinado pola Deputación de Ourense, conta este ano cun novo percorrido con menos costas, axeitado aos máis pequenos.

Na sala de xuntas do Pazo Provincial tivo lugar hoxe a presentación da 28º edición do "Día da Bici", "a maior festa da bicicleta da provincia de Ourense, para celebrar en familia e cos amigos", como o cualificou Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense, entidade patrocinadora da proba, que se celebrará o vindeiro domingo, 4 de novembro.

Xunto a Rosendo Fernández participaron na presentación Carlos Moure, presidente do Club Ciclista Ourensano, e Bernardino González, asesor de Deportes da institución provincial.

Carlos Moure destacou como novidade que este ano "o percorrido terá menos costas que en anos anteriores para facerllo máis doado aos nenos e ás persoas que non adoitan practicar bicicleta con regularidade", e engadiu que o trazado varía con respecto ao ano anterior, e para evitar problemas de aglomeracións a saída e a chegada serán no mesmo punto: fronte ao edificio de Correos, na Alameda. A saída será ás 12.00 horas e o percorrido abrangue as rúas Progreso, Marcelo Macías, Avenida de Portugal, Ervedelo, Progreso, pardo de Cela, Ponte do Milenio, Xesús Pousa, Eulogio G. Franqueira, Río Arnoia, Avenida de Santaigo, Avenida das Caldas, Vicente Risco, Ponte Nova, Curros Enríquez, Sáenz Díez, Don Bosco e Progreso con final na Alameda.

Carlos Moure agradeceu á Deputación de Ourense o apoio que ano tras ano da a este evento, o que fai posible, que xunto aos colaboradores, a organización poida entregar aos participantes 3.000 bolsas con agasallos e refrescos, ademais dos premios que se sortearán ao remata da proba.

Rosendo Fernández destacou o traballo desenvolvido por Moure ao longo destes 28 anos, "proba de seu amor á bicicleta e ao deporte, porque só así se entende que unha actividade como esta poida perdurar tanto no tempo", e Bernardino González agradeceu o traballo dos organizadores e a súa implicación "para que un ano máis todos poidamos gozar dunha gran xornada lúdica e deportiva".

A organización recomenda aos participantes: revisar previamente a bicicleta, levar zapatillas de ciclista ou calzado de sola pouco flexible, camiseta e calcetíns de fío ou lá, e culote ou pantalóns de deporte, e lembra tamén que non se trata dunha carreira, senón que é un paseo pola cidade. Por elo recomenda circular con velocidade moderada, respectar a unidade do grupo e manter unha distancia prudencial coas demais bicicletas.