A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense recibiu o Premio Nacional "Excelentia" como proxecto máis destacado no ámbito da música e da cultura en España

  • Manuel Baltar recolleu esta tarde o prestixioso galardón no acto que se celebra no Auditorio Nacional, en Madrid.

  • A Real Banda de Gaitas, dirixida por Xosé Lois Foxo, actuou ao remate da entrega do premio interpretando melodías clásicas e tradicionais galegas, ademais dun saúdo de percusión.

  • Baltar afirma que este premio "é a merecida homenaxe aos mellores embaixadores da cultura musical de Ourense e Galicia: os integrantes da Real Banda ao longo da súa historia e o seu director, Xosé Lois Foxo".

Madrid, 13 de abril de 2016.- A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense recibiu hoxe o Premio Nacional "Excelentia a la Cultura" 2016 como proxecto máis destacado no ámbito da música e da cultura en España, "un galardón que recoñece os trinta anos de traxectoria da Real Banda de Gaitas, que ten percorrido os cinco continentes e actuado nos principais escenarios do mundo levando o nome de Ourense e de Galicia e a nosa cultura e tradición musical aló por onde vai", afirmou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen recolleu o galardón.

Ao remate do acto de entrega do premio a Real Banda de Gaitas actuou no Auditorio Nacional interpretando melodías clásicas e tradicionais galegas, como a Novena Sinfonía de Beethoven, o Himno do Antergo Reino de Galicia, a Alborada de Veiga e a Muiñeira de Chantada, e un saúdo de percusión, nun evento que conta coa Raíña Dona Sofía como presidenta de honra.

Manuel Baltar expresou a "enorme satisfacción" que para a provincia de Ourense supón este recoñecemento que é "a merecida homenaxe aos mellores embaixadores da cultura musical de Ourense e Galicia: os integrantes da Real Banda ao longo da súa historia e o seu director, Xosé Lois Foxo".

O presidente do goberno provincial remarca a grande importancia do "proxecto didáctico, musical e etnográfico creado e desenvolvido ao longo de tres décadas por Xosé Lois Foxo, unha mostra inequívoca de amor á nosa terra e as nosas tradicións, e da defensa no noso singular e máximo símbolo musical: a gaita". "A Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense –subliña Baltar- máis que un símbolo é unha demostración de emprendemento, sacrificio e profesionalidade, expresados ano tras ano polos centos de mozas e mozos que integraron e integran esta prestixiosa formación musical".

Xosé Lois Foxo dixo que este premio supón "un recoñecemento ao traballo que realiza a Escola de Gaitas da Deputación de Ourense, na que o seu máximo expoñente de traballo é a Real Banda de Gaitas", "un premio –engadiu- que recoñece tamén o labor que se fai no Museo de Cornamusas e coa publicación do "Anuario da Gaita", única publicación no mundo sobre este instrumento".

A Real Banda de Gaitas recibe o premio "Excelentia a la Cultura" na categoría de "Proxectos culturais", mentres que nos outros ámbitos os premiados son: a mezzosoprano Teresa Berganza (traxectorias profesionais); o conservatorio "Rodolfo Halffter" (Proxectos educativos); o Teatro Real e Radio Clásica (Efemérides institucionais), e Abanca, BMW, Cofares e Chopard (Empresas comprometidas coa cultura).

A Fundación "Excelentia", organizadora dos premios, desenvolve a súa actividade no campo da cultura e foi creada para contribuír á difusión do patrimonio lírico-musical e impulsar a creación e representación das artes musicais en todas as súa variedades. A fundación ten un forte compromiso social e desenvolve proxectos educativos que inclúen concertos pedagóxicos para nenos, axudas para a formación musical , cursos de música para nenos e concertos benéficos a prol das fundacións "Reina Sofía", "Luca de Tena" e "Síndrome de Down".