Deputación de Ourense e Concello do Carballiño promoven a reciclaxe cun novo sistema de recollida de vidro para o sector hostaleiro

Un cubo adaptado para os locais e un contedor de rúa, con boca específica para hostalería, son as principais novidades.

  • A campaña, na que participa a Asociación Ecovidrio, involucra a uns 50 establecementos de hostalería e restauración.

A Deputación de Ourense, xunto co Concello do Carballiño e a asociación sen ánimo de lucro "Ecovidrio", poñen en marcha dende hoxe unha novidosa campaña de reciclaxe de vidro no sector da hostalería que ten como obxectivo facilitar a bares, cafeterías, restaurantes, pubs e demais establecementos do sector a recollida e depósito do vidro destinado á reciclaxe.

Para elo, un novo dispositivo que consiste nun cubo con rodas e adaptado para as barras dos locais e un contedor de rúa con boca ancha, específico para hostelaría, permitirán facilitar o traballo de reciclaxe evitando que os profesionais das hostalería teñan que depositar unha por unha as botellas no depósito. Para elo, disporán dunha chave para a apertura do depósito e dun mecanismo elevador que axudará no volcado do cubo no contedor da rúa.

A presentación da campaña tivo lugar na Praza Maior do Carballiño coa presenza do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o alcalde da vila, Argimiro Marnotes; Germán Fernández, xerente de zona de Ecovidrio; e hostaleiros do Carballiño que participan na campaña.

Manuel Baltar cualificou o Medio Ambiente como "unha área fundamental" dentro do labor que fai a institución provincial a prol da mellora de servizos para cidadáns e concellos, e destacou que a Deputación de Ourense "fai especial fincapé na xestión de augas e residuos porque a protección do noso medio natural é fulcral para sermos competitivos e xerar emprego e benestar na poboación".

O Concello de Carballiño, que ten delegada a recollida dos residuos sólidos urbanos na Deputación de Ourense, pon en marcha esta campaña de sensibilización, que ten como finalidade impulsar a reciclaxe de vidro nos establecementos hostaleiros do municipio. A iniciativa, denominada Horeca (hostalería, restauración e catering) está dirixida a uns 50 profesionais do Carballiño, un sector que emprega en España o 48% do vidro que se produce.

O método de contenerización que emprega denomínase "VACRI" e consta de dúas ferramentas básicas: por un lado un cubo adaptado, que empregaría o hostaleiro, e por outro lado, un iglú adaptado cunha nova boca de entrada denominada boca "porta de bar" que presenta unhas dimensións mais grandes do habitual e cun sistema hidráulico que facilita a elevación do cubo sobre o iglú.

Con este novo deseño preténdese poder depositar múltiples envases de vidro á vez, sen perder en ningún caso a funcionalidade tradicional do iglú, que viña dando servizo aos propios veciños do municipio que pretendían desfacerse dos residuos de vidro. O sistema facilita o transporte do vidro desde o local ao iglú e o volteo do contedor sobre o iglú, evitando cargas impropias para os traballadores ou a perda de tempo de botar os envases un a un, polo que os hostaleiros poderán desfacerse dos residuos dunha maneira automática, rápida e sinxela.

A campaña levarase a cabo nuns 50 locais do Carballiño, nos que se entregarán un cubo adaptado por local e 11 iglús con boca "porta de bar" nos radios de acción destes locais. Así mesmo, a Deputación de Ourense procederá a recorrer os establecementos para recoller información sobre o grado de satisfacción dos empresarios con este novo sistema de reciclaxe de vidro. Ademais, en todos aqueles establecementos que se adhiran colocarase un distintivo que permita diferencialo como "centro hostaleiro que impulsa a reciclaxe de vidro", e que denote que nese centro se recicla correctamente o vidro.

Esta campaña servirá tamén para seguir aumentando os quilos de envases de residuos de vidro depositados na vila do Carballiño. Segundo os últimos datos de Ecovidrio, os veciños do Carballiño reciclaron un total de 180.140 quilos de vidro, o que significa que cada cidadán reciclou unha media de 12,7 quilos de vidro en 2011.

Ecovidrio é unha organización sen ánimo de lucro responsable da xestión da reciclaxe de residuos de envases en recipientes de vidro en España. Xestiona a recollida selectiva de envases de vidro para facilitar a cooperación dos cidadáns garantindo a reciclaxe. Ademais, realiza campañas de sensibilización cidadá e incentiva a redución do volume dos residuos xerados.