Os “homes-montaña” de Ramón Conde, no Centro Cultural da Deputación de Ourense

O escultor ourensán inaugura hoxe unha mostra na que se mesturan psicoloxía, soños e a paisaxe humana.

Os "homes-montaña" de Ramón Conde chegan hoxe ao Centro Cultural "Marcos Valcárcel" da Deputación de Ourense, da man dun dos escultores galegos máis internacionais e de maior prestixio pola orixinalidade das súas propostas artísticas. Psicoloxía, soños e a paisaxe humana mestúranse nos vinte conxuntos escultóricos que exhibe o creador "procurando ensamblar formas e sentimentos para atraer a atención do espectador", explicou hoxe Conde na presentación da exposición.

O artista estivo acompañado polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e polo director do Centro Cultural, Francisco González. Baltar destacou que Ramón Conde "é un dos artistas máis representativos da escultura galega e forma parte do conxunto de creadores máis recoñecidos da nosa provincia, xunto con Buciños, Arturo Baltar, Xosé Cid, Acisclo Manzano e Ignacio Basallo". "A súa obra –dixo o presidente provincial- caracterízase pola importancia que o artista lle da á figura humana, sobre a que pivota todo o seu universo escultórico, con corpos contundentes que atraen e sorprenden pola grande expresividade que teñen".

Francisco González cualificou a mostra de "novidosa e impactante" e dixo que ao longo dos dous meses que estará aberta ao público "vai ser un polo de atracción para os amantes do arte e, sinaladamente, da escultura".

Pola súa banda, Ramón Conde explicou que o ser humano segue a ser o seu obxectivo, "pero neste caso trato de mirar cara o interior. Así, non vemos corpos completos, senón que vemos rostros de homes-montaña, robustos, enormes, con expresións variadas que tratan de transmitirnos estados de ánimo, sensacións e pensamento".

Ramón Conde afirma que sempre sentiu un atractivo especial pola psicoloxía e, de maneira prioritaria, por Freud e polo seu mundo onírico. A este feito engádese que a súa filla Laura é estudante desta disciplina e a ela dedica esta exposición. Por iso, nesta mostra, eses corpos aparecen asociados a espellos –cóncavos ou convexos- que distorsionan a imaxe e que obrigan ao espectador a interpretar unha realidade manipulada por ese reflexo. Desta maneira, o escultor da un paso cara adiante no seu proxecto creativo, presentando unha obra evolucionada en plena madurez.

Datos Biográficos

Ramón Conde naceu en Ourense en decembro de 1951. Empezou de rapaz debuxando e pintando pero a influencia de seu pai –que esculpía pedra- levouno a pasarse de maneira natural á escultura. Estudou Filosofía en Santiago, e no ano 1971 fixo a súa primeira exposición no Museo Arqueolóxico de Ourense. A partires de aí comeza unha longa carreira con numerosos encargos de obra pública. Cabe salientar neste apartado "O gardián" da Torre de Hércules, ao que logo seguirán pezas coma "Os redeiros", na Gran Vía de Vigo, ou a famosa "Leiteira", da rúa do Paseo de Ourense.

A partires do ano 1987 empeza a súa proxección internacional, con presenza en ARCO e no Salón de Outono do Grand Palais, de París. Realiza exposicións en Portugal, Estados Unidos, Alemaña e Reino Unido, converténdose nun dos máis internacionais dos escultores galegos.

A exposición inaugúrase hoxe a tarde, ás 20.15 horas, no Centro Cultural "Marcos Valcárcel" coa presenza do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Jesús Vázquez.