O Festival de Teatro Galego converte ao Carballiño no referente da escena en Galicia

Fetega, o único certame das súas características, inicia mañá a súa 23 edición, na que haberá representacións teatrais, espectáculos infantís, obradoiros e un curso maxistral dirixido a profesionais.

O Festival de Teatro Galego (Fetega), o único das súas características que existe en Galicia, inicia mañá unha nova edición –a número 23-, que o converte nun dos eventos teatrais máis veteranos de cantos se celebran en Galicia. Representacións teatrais, espectáculos infantís, obradoiros e mesmo un curso maxistral para profesionais do teatro, conforman o programa de actividades que se desenvolverán entre mañá martes e o vindeiro venres no Auditorio do Carballiño, co patrocinio da Deputación de Ourense e do Concello do Carballiño e a colaboración de empresas privadas. "Todos eles fan posible, segundo explicou na presentación Josi Lage, directora de Fetega, que o festival puidese ser novamente unha realidade, a pesares das grandes dificultades económicas. O esforzo das institucións e das empresas privadas permítenos achegar un ano máis coa máxima calidade as nosas propostas teatrais ao público, e por elo quero expresar o noso maior agradecemento a todos".

No acto de presentación, que tivo lugar hoxe no Pazo Provincial, acompañaron a Josi Lage o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes. Fernández dixo que a consolidación e permanencia no tempo de Fetega "é boa mostra do traballo, ilusión e sacrificio do equipo que dirixe Josi Lage" e engadiu que eses son valores que a Deputación de Ourense apoia "e polos que merece seguir apostando, a prol da nosa cultura e para que os cidadáns poidan dispoñer dunha oferta cultura de alta calidade artística, como a que ofrece un ano máis o Fetega".

Pola súa banda, Argimiro Marnotes dixo que Fetega "é un dos principais referentes do teatro en galego", "e faise no Carballiño con vocación de atraer a todos os entusiastas do teatro que se fai na nosa lingua, para que gocen estes días das obras escénicas feitas e representadas en galego por actores consagrados e noveles".

O orzamento para esta edición é de 18.000 euros, "o mesmo que tiñamos hai dez anos", explica Josi Lage, "o que non vai mermar a calidade dos espectáculos, porque esa é a nosa máxima". Lage destacou que este festival é o escollido pola maioría das compañías galegas para estrear novas obras cada ano, e neste senso, nesta edición estréase o mércores 5 de setembro "O home almofada", de ilMaquinario Teatro, obra que conta no seu reparto con Melania Cruz, Fernando González, Fran Lareu e Laura Míguez, dirixidos por Tito Asorey.

Mañá martes Luis Manquiña e Manuel Zahera poñen en escena "Monólogos inocentes, obra coa que se abre o Fetega 2012, e o xoves, día 6, Teatro de Ningures representa "Atra Bile", dirixida por Etelvino Vázquez, e que conta no seu reparto con Sonia Rúa, Casilda Alfaro, Josi Lage, David Novas e Fran Paredes. Esta obra conmemora o seu 25 aniversario. Finalmente, o venres, día 7, Sergio Pazos porá en escena o espectáculo "Sé galego my friend", e terá lugar a gala de entrega de premios.

Todas as funcións serán ás 22.30 horas, para o público adulto, e as entradas, que se poderán mercar na taquilla do Auditorio do Carballiño, terán un custe de 8 euros.

As actividades paralelas consistirán en espectáculos de rúa na Praza do Concello todos os días ás 19.00 horas. O martes día 4: representación de "O galo Quirico"; o mércores día 5: obradoiro de marionetas; o xoves día 6: representación de "Polichinela", e o venres día 7: "A casa do rato", dramatización de xogos populares, a cargo de Títeres Viravolta. Complétanse estas actividades co curso maxistral de teatro "O corpo desinhibido, un corpo a punto para actuar", que será impartido polo director teatral asturiano Etelvino Vázquez.