Sarabela presenta a obra teatral "A voar", dirixida ao público infantil

O espectáculo, patrocinado pola Deputación de Ourense, estréase o vindeiro domingo no Auditorio do Carballiño e en outubro representarase no Teatro Principal.

A compañía teatral Sarabela presentou hoxe no Pazo Provincial a súa nova proposta para o público infantil, a obra "A voar", patrocinada pola Deputación de Ourense e dirixida pola actriz Fina Calleja, que se vai estrear no Auditorio do Carballiño o vindeiro domingo e que posteriormente se representará no Teatro Principal de Ourense o 27 de outubro. No acto de presentación estiveron presentes xunto a Fina Calleja o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e o concelleiro de Cultura do Carballiño, Rodrigo González.

Rosendo Fernández destacou "a permanente aposta da institución provincial por achegar a cultura aos concellos da provincia, especialmente aos máis pequenos", e engadiu que este espectáculo que presenta Sarabela "reúne os valores que a Deputación defende nos ámbitos sociais e culturais como son o mantemento das nosas tradicións, unidos ao esforzo, a tenrura e o optimismo, que caracterizan o público infantil a quen vai dirixida principalmente a obra".

Pola súa banda, Fina Calleja dixo que este tipo de espectáculos teatrais só é posible levalos adiante co apoio institucional, e como é neste caso, da Deputación de Ourense, a quen agradeceu o seu compromiso e colaboración coa cultura. Fina Calleja destacou que "A voar" –obra baseada na novela de David Almond "O meu pai é un home paxaro"- foi elixida por Sarabela "polos valores que transmite", e afirmou que "é unha gran responsabilidade representala porque vai dirixida ao público máis esixente que hai: os máis cativos".

No reparto participan Fernando Dacosta (papá), Nate Borrajo (Zoe), Sabela Gago (tía Greta) e Elena Seijo (señora Tachán e señorita Popelina). A obra conta a historia dunha nena, Zoe, quen trala morte da súa nai tense que facer cargo da casa. A Ela sempre lle gustaron os paxaros, pero nunca imaxinou que o seu pai quixese voar coma eles. Todo se complica nado na vila convocan un concurso de homes voadores e tía Greta chega á casa disposta a revolucionar as súas vidas, armada coas súas empanadiñas.