Comedia, drama e teatro clásico, nas "XXVIII Noites teatrais de Vilamarín"

  • A Deputación de Ourense acolleu hoxe a presentación deste certame, un dos máis importantes de Galicia no ámbito das artes escénicas no verán, que terá lugar do 14 ao 17 de xullo.

Ourense, 10 de xullo de 2015.- Comedia, drama e teatro clásico serán os xéneros protagonistas nas "Noites teatrais de Vilamarín", un dos certames máis importantes no ámbito das artes escénicas de Galicia, que este ano chega á súa 28ª edición. Organizadas polo Concello de Vilamarín e coa colaboración da Deputación de Ourense "as Noites teatrais son unha referencia fixa e notable no calendario teatral do verán en Galicia", destacou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen estivo acompañado no acto de presentación polo alcalde de Vilamarín, Amador Vázquez; o secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, e a concelleira de Cultura de Vilamarín, Marina Rodríguez.

Rosendo Fernández afirmou que este proxecto "é froito da colaboración entre institucións públicas e privadas, e supón unha excelente maneira de espallar a cultura pola nosa provincia, algo no que a Deputación está e estará sempre, pois iniciativas como esta contribúen ao desenvolvemento social e cultural dos nosos concellos".

Amador Vázquez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense e da Xunta, así como de Mariluz Villar e de Luis Rodríguez Míguez, "quen durante quince anos impulsaron as Noites Teatrais e foron quen de darlle o pulo para convertelas no gran certame que hoxe son". O alcalde lembrou que cada ano preto de dúas mil persoas pasan polos espectáculos que ofrecen as Noites, "un público que chega de diferentes lugares de Galicia e que atopa en Vilamarín unha oferta cultural atractiva para o lecer e o goce das artes escénicas".

Pola súa banda, Anxo Lorenzo recoñeceu o esforzo que ao longo destes 28 anos leva facendo Amador Vázquez e todo o equipo que fai posible as Noites Teatrais, "un evento que este ano conxuga o teatro profesional co afeccionado, algo que é moi de salientar, como tamén o feito de que este evento poña en valor o labor que fan as persoas que traballan no ámbito da escena en Galicia, tanto actores, como directores, dramaturgos e técnicos".

O programa desta edición das Noites Teatrais, segundo explicou Marina Rodríguez, desenvolverase entre os días 14 e 17 de xullo, ás 22.30 horas, ofrecéndolle ao público no Auditorio municipal de Vilamarín dúas comedias: "A louca historia de Galicia", que pon en escena o día 15 de xullo a compañía Fulano, Mengano e Citano; e "Chévere", o 17 de xullo, a cargo de "As fillas bravas", compañía gañadora do Premio Nacional de Teatro en 2014. O programa complétase o día 14 con "III", drama baseado no texto "Ricardo III" de William Shakespeare e representado pola Aula de Teatro Universitario de Ourense "Maricastaña"; e o 16 de xullo coa obra de teatro clásico "Cyrano", a cargo de Teatro Galileo.