Visita ás obras de mellora medioambiental na contorna do encoro das Conchas en Bande e Muíños

Ourense, 10 de marzo de 2015.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e os alcaldes de Bande e Muíños visitaron hoxe as obras de mellora da calidade das augas e recuperación ambiental da contorna do encoro das Conchas, nos concellos de Bande e Muíños. O importe total da actuación ascende a 802.372 estando previsto un prazo de execución de quince meses e sendo na actualidade o grao de execución do 50%.

Estas actuacións están incluídas no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (Feder), e que contan coa participación e apoio cidadán das poboacións implicadas, co obxectivo de levar a cabo actuacións para a mellora ambiental do ámbito dos ríos.

O financiamento do proxecto levarase a cabo nun 80% a través de fondos europeos e o 20% restante finánciao o propio organismo. Os concellos de Bande e de Muíños encargáronse de poñer os terreos a disposición da confederación para a execución das obras.

Actuacións do proxecto

As augas mineiro medicinais do Baño xermolan en catro mananciais de gran caudal formando, todas xuntas, un regueiro de auga quente que desemboca no curso do río Limia. Son augas claras, transparentes e de débil mineralización. Nos lugares onde se estancan adquiren unha cor verde azulada debido á gran poboación de algas típicas de ambientes termais. A temperatura máxima chega a alcanzar os 48º C. Tanto pola súa composición física como química, esta auga clasificase dentro das alcalinas silicatadas sulfidricas. Son indicadas para o tratamento de dores reumáticas, trastornos da pel, o aparato hepato-dixestivo e as vías respiratorias.

Non obstante, dado o valor ambiental, cultural e paisaxístico da zona, o Concello de Bande realizou traballos para a súa posta en valor, sen que se concluíse o devandito labor, polo que se retoman os traballos iniciados na presente actuación.

A actuación proposta consiste en acondicionar unha zona de 3.500 m² aproximadamente, adaptando e facilitando a utilización da única poza que actualmente se atopa cuberta de terra e vexetación, mediante a limpeza desta, retirando a capa superficial e ampliando o vaso termal. Nesta foxa, defínese unha rampla acondicionada coas dimensións mínimas de ancho e pendente que permita o acceso a esta de discapacitados en cadeira de rodas.

Actualmente existe un regato de auga fría que baixa pola ladeira norte, que, na zona próxima á poza perde o trazado, filtrándose a auga polo terreo de forma dispersa. Para evitar esta dispersión remarcarase a canle deste, de forma perimetral á poza, redirixíndoo cara o punto máis baixo do terreo. Este regato aproveitarase para configurar unha poza de auga fría, que se situará no centro do curso do regato, entre a poza quente e a saída ao Encoro. A poza de auga fría delimitarase con muretes revestidos con pedra e o fondo pavimentarase con lousas de granito de 10 cm de espesor.

Na actualidade, existe un pequeno espazo acondicionado para zona de aparcadoiro, se ben, non existen elementos que impidan o achegamento dos vehículos ata as propias balsas, polo que se considera imprescindible completar a delimitación da zona permitida para aparcadoiro mediante a colocación de elementos de amolloamento vertical que impidan o paso e vexetación e arboredo que protexan da ocupación indebida a área de dominio público hidráulico.

Así mesmo, executásese unha marcaxe de prazas mediante un bordillo de madeira igualado co pavimento e delimitaranse as prazas mediante un rematado de empedrado de granito. Finalmente, complétase a actuación cun tratamento paisaxísitico con arbustos e plantación de céspede.

Implantaranse igualmente paneis interpretativos para poñer o valor a área, onde se expoña a importancia cultural e histórica do contorno no que se realiza a actuación.

Estanques de baño en Muíños

A actuación proposta para contar cunha zona de baño seguro en Muíños realízase nunha parcela de propiedade municipal existente actualmente na proximidade dun cámping e uns apartamentos turísticos. Para acceder ata o recinto delimitado, é necesario mellorar e acondicionar 135 metros dun camiño de terra existente, modificando lixeiramente o seu trazado para mellorar as pendentes actuais.

Como edificios auxiliares para o correcto funcionamento proxectáronse dous edificios para vestiarios e enfermaría, divididos en dous volumes. Así mesmo a cuberta proponse cunha estrutura metálica e cerramento de láminas de cinc sobre taboleiros.

A piscina grande ten unha superficie total de lámina de auga de 237,90 m2 e unha profundidade variable entre 1 m e 1,40 m. Están destinadas a ser utilizadas para o deporte escolar, o ensino da natación, o deporte-recreativo para todos e para o adestramento e competición do deporte federativo de niveis básicos. Dispón de espazos auxiliares para usuarios e carece de espazos para espectadores.

As edificacións para vestiarios consisten en dous edificios independentes semitenterrados nun talude de separación entre dúas plataformas aterrazadas.Cada un dos vestiarios contase con 4 duchas, unha delas en cabina independendizada, dous inodoros e tres lavabos, así mesmo, os aseos de discapacitados contan con inodoro e lavabo adaptados, así como sumidoiro e ducha integrada no pavimento.

Por outra banda, na zona fluvial de Bande proponse realizar labores de limpeza e acondicionamento de para facilitar o seu uso durante os meses de verán no que o nivel das augas do Encoro baixa. Asemade proponse a instalación de illas vexetais acoutando as principais zonas de baño do encoro, así como a entrada do río Limia a este. Trátase de valorar e tratar de cuantificar a mellora de calidade das augas no interior destas zonas.